Homenaxes a Moncho Reboiras ao cumprirse 42 anos do seu asasinato

Diferentes organizacións do nacionalismo galego rendéronlle homenaxe ao sindicalista en Dobro, Fene e Ferrol este sábado
Unha das homenaxes a Moncho Reboiras, neste caso de Agora Galiza
photo_camera Unha das homenaxes a Moncho Reboiras, neste caso de Agora Galiza

Decenas de persoas participaron este sábado nos diferentes actos programados en distintos puntos da xeografía galega para honrar a memoria do sindicalista Moncho Reboiras, de cuxo asasinato a mans da policía franquista se cumpren 42 anos este 12 de agosto.

Diferentes organizacións do nacionalismo galego renderon tributo por separado á figura de Reboiras con distintos actos celebrados ao longo deste sábado nos municipios coruñeses de Fene, Ferrol e Dodro, localidade natal do independentista.

A Unión do Povo Galego (UPG), partido do que era militante Reboiras no momento da súa morte, realizou unha ofrenda floral no cemiterio de Imo –Dodro–, onde descansan os restos mortais dun dos impulsores do Sindicato Obreiro Galego, precusor da CIG.

Tras isto, a Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva (SCRD) O Pote de Maniños organizou en Fene unha comida popular, á que seguiu, a partir das 16.00 horas, unha "sobremesa debate" baixo o título A mudanza real que a Galiza precisa.

A UPG clausurou a xornada de homenaxe a Reboiras en Ferrol, onde tivo lugar unha concentración na Praza de Armas. Desde alí, os asistentes partiron cara ao lugar onde foi asasinado, un portal da Rúa da Terra, onde foi abatido por membros da Brigada Político-Social, a policía política do réxime franquista.

Alí, realizouse un acto no que, entre outras personalidades do nacionalismo galego, interviñeron o secretario xeral da UPG, Néstor Rego, e o portavoz do BNG ferrolán, Iván Ribas.

Comentarios