Homenaxe a Francisco Roca en Guitiriz pola súa xubilación

Preto de cen persoas déronse cita no restaurante La Casilla na comida de irmandade organizada na honra do director da oficina de Correos da localidade
Francisco Miragaya e a súa muller, Maribel
photo_camera Francisco Miragaya e a súa muller, Maribel

Ao redor dun cento de persoas déronse hoxe cita no restaurante La Casilla de Guitiriz para homenaxear a Francisco Roca Miragaya, ata o de agora director da oficina de Correos guitiricense, con motivo da súa xubilación. Na emotiva xuntanza, organizada polas súas compañeiras Marifé Losada, Mari Carmen Díaz e Mari Carmen Puente e á que asistiron familia, veciños, amigos e compañeiros, non faltaron as sorpresas e os agasallos para contribuír á despedida de Paco dun traballo ao que lle dedicou 41 anos.

O 15 de xuño é a data oficial da súa xubilación, aínda que os veciños xa levan uns días sen ver a súa faciana pola oficina, pois o venres 20 de maio foi o seu último día de traballo. Afeccionado á caza, á pesca e a viaxar —é o fotógrafo oficial de todas as saídas—, Paco ten agora máis tempo para dedicarllo a estes menesteres e sobre todo á súa auténtica debilidade, as súas «tres estupendas metas». Mais iso non evitará que de cando en vez bote a vista atrás, polos moitos e bos recordos que leva consigo, do traballo e dos compañeiros.

«Volvería firmar por ter os mesmos compañeiros e os mesmos xefes», di, e próbao con feitos. Xa puido terse xubilado aos 60 (agora ten 64), pero non o fixo, pola «satisfacción» que lle supoñía traballar cun grupo de xente que «ademais de compañeiros son extraordinarias persoas, o equipo pesou á hora de tomar a decisión». Ese vínculo formouse nos 33 anos que leva na oficina de Guitiriz, da que está o fronte dende o 2003: «Empecei no 75 en Avilés, no 79 fun para Santiago e dende o 16 de decembro do 83 estou aquí». E aínda que leva moitos anos sendo esa cara familiar que recibe aos clientes da oficina, tamén fixo reparto, a pé ou en moto, e mesmo pasou por Samos ou Rábade facendo substitucións.

"Volvería firmar por ter os mesmos compañeiros e os mesmos xefes"

O «cambio trascendental nas comunicacións», a «modernidade » na informatización das oficinas, a «liberalización no mercado», que supuxo un incremento da competencia, ou a existencia dunha entidade bancaria, que prevé que se recupere, son algúns dos aspectos que Paco destaca da evolución da súa profesión, esa que lle permitiu coñecer a moitos dos veciños de Guitiriz polo seu nombre e apelidos, ata o punto de entregar cartas case sen referencias —«houbo quen me veu felicitar por recibir unha carta só co nome»— ou recibir chamadas na casa para consultar dúbidas sobre algún envío.

«Agora serei un veciño máis colaborando no que poida», di, pensando nunha xubilación que asume coma «unha etapa máis da vida», pero tamén con «nostalxia, despois de tanto tempo e tantos amigos e compañeiros cos que tiven contacto». E con moitos deles quixo ter un último detalle, enviándolles unha carta de despedida na que lles agradecía a confianza en Correos e na oficina de Guitiriz.

Comentarios