Homenaxe a dous ''mestres de Galicia''

ELP1610P20F3.JPG
photo_camera ELP1610P20F3.JPG

Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio -ou o que é o mesmo Mini e Mero- recibiron onte en Láncara o décimo premio Ramón Piñeiro. Facer País, polo seu traballo a prol de Galicia dende as facetas de músicos, poetas, docentes, investigadores do patrimonio cultural e, en definitiva, «mestres de Galicia, no máis amplo sentido da palabra».

Así os definiu o tamén músico Xurxo Souto, encargado de conducir un dos actos de entrega do premio Facer País máis multitudinarios dos últimos anos.

A asociación Val de Láncara -convocante do galardón- xunto con outros colectivos da comarca de Sarria e do Corgo elixiron entre 28 propostas a candidatura de Mini e Mero, membros de históricos grupos como Fuxan os Ventos ou A Quenlla. O premio recoñece o seu labor durante décadas de «dignificación e recuperación das máis diversas facetas da expresión musical», así como «o compromiso como educadores en favor da galeguización do ensino».

En palabras do escritor David Otero, son «dous traballadores na construción da esperanza deste pobo, dous galegos que non claudican, loitan e fan país. Dous mestres que militan na escola da aldea e constrúen memoria histórica en tempos de tanta desmemoria».

Mini e Mero recibiron a distinción -consistente nunha obra de arte da escola Ramón Falcón de Lugo- de mans de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, entidade premiada na anterior edición.

Na súa intervención, os dous músicos e mestres fixeron unha fervorosa defensa da cultura galega. «Facer País é loitar continuamente», dixo Mero, quen animou a pelexar contra o «xenocidio cultural» e a prol da identidade propia, dunha «marabillosa herdanza feita vida, cultura, lingua, terra e paisaxe, xente e personalidade propia, plural e de diversidade».

Tamén Mini apelou ó exercizo da liberdade. «Non podemos calar mentres pretendan volvernos ó silencio acuñando a moeda da mentira e facendo do exercizo político unha farsa», asegurou.

Asistentes
As súas intervencións foron seguidas por varios centos de persoas, entre as que se atopaban premiados en anteriores edicións -como Xosé Manuel Beiras, Avelino Pousa Antelo ou Neira Vilas-, políticos de todas as cores en representación da Deputación e de Concellos coma Sarria e Láncara, e outros persoeiros da cultura galega como Xesús Alonso Montero ou Paco Martín.

A entrega celebrouse ante o vello consistorio de Carracedo, onde tivo lugar un concorrido xantar na honra dos homenaxeados. Previamente, Mini e Mero foron recibidos polo alcalde no Concello lancarés e firmaron no libro de honra. Con motivo da entrega do galardón tamén se programaron actos na Casa de Láncara e na ponte romana de Carracedo. Ademais, depositouse o tradicional ramo de flores ante o busto de Ramón Piñeiro, intelectual que dá nome a este recoñecemento.

Comentarios