Historia e hispanismo

Retrato de Carlos II, de Juan Carreño. (EP)
photo_camera Retrato de Carlos II, de Juan Carreño. (EP)

(*)

NON É A primeira vez que me len aquí despotricar contra os premios literarios españois. Non obstante, non todo merece un donoso escrutinio e os Príncipe de Asturias van mantendo a dignidade, máis na categoría de Ciencias Sociais que na de Letras, nas que xa empezan a cantar algúns premiados e algunhas ausencias. O de Ciencias Sociais de 2014 foi parar a man do hispanista francés Joseph Pérez e a editorial Crítica aproveitou a circunstancia para publicar de novo a súa ‘Historia de España’, unha obra composta a finais dos noventa pero que conta con plena vixencia.

As historias nacionais son asunto complexo dende diversos puntos de vista e aínda máis no caso español. Dende a óptica editorial, materias tan amplas e con tanto detalle adoito requiren obras con multitude de volumes, caras e non sempre ben artelladas por culpa da pluralidade de autores. A crise veu a rematar a xogada e, agora mesmo, só a ‘Historia de España’, coordinada por Josep Fontana tamén en Crítica, está dispoñíbel sen recorrer á libraría de vello. Non sucede o mesmo cos moi importantes traballos coordinados por Tuñón de Lara e Domínguez Ortiz. A situación é distinta noutros países e así, por exemplo, pode un atopar e manexar a ‘New History of Ireland’... publicada en Inglaterra, pola universidade de Oxford.

Á situación súmase a manifesta incapacidade que parecen ter os españois para relatar a súa propia historia, en particular aquela que parte do sainete de Bayona e remata na coleta de Pablo Iglesias. Por fortuna na nosa axuda viñeron e veñen os hispanistas, que son quen de ver o asunto con certa obxectividade e afrontar temas polémicos sen medo a caer na afirmación controvertida (e sostida nos feitos) ou politicamente incorrecta. É o caso de Joseph Pérez, que conta ademais co valor engadido, se así se pode dicir, de ter ascendencia española, algo que o distingue dos hispanistas británicos (Carr, Preston, Payne, Parker, Bolloten... Todos eles cumio da historiografía española do século XX).

A ‘Historia de España’ de Pérez ofrece nun só volume, compacto e de lectura sinxela, un panorama desta difícil cuestión. O equilibrio entre detalles e explicacións amplas é simplemente asombroso. Estas últimas están reforzadas por un capítulo transversal sobre a España Moderna que debería ser de lectura obrigatoria para todo cidadán.

Se algo pode ser discutíbel en canto ao contido é o punto de partida, xa que coa fin de converter a súa Historia nun manual máis manexábel Pérez opta por iniciar as análises en profundidade no 711 e despacha ás Españas prehistórica, romana e visigoda nunha introducción que deixa o lector con ganas de máis, dado que a lectura do resto da obra fai que sexa razoábel pensar que o autor está máis que capacitado para dar unha visión desas épocas tan condensada como valiosa. Noutra edición será.

En canto ás perspectivas, o lector contumaz de historia atopará ideas que non son frecuentes e que escapan dos prexuízos establecidos por eses ‘aminimigos’ que son os libros de texto de primaria e secundaria. Por exemplo, o carácter esencialmente urbán da relixiosidade pacata e extrema atribuída secularmente a toda a nación, o feito de que o reinado de Carlos II, por moi enfeitizado que estivese, no foi decadente senón máis o contrario ou a particular mestura de ilustración e relixiosidade que adornaba os afrancesados.

Pero, sobre todo, Pérez loita (con éxito) contra a idea de que a historia de España non poida enmarcarse dentro da europea e a mundial a partires de Rocroi. O desenvolvemento histórico español, segundo o autor, non se afasta da liña europea. Os seus argumentos para sostelo son moi sólidos e o único que pode pensar un é que comeza a ser moi necesaria unha historia intelectual de referencia sobre España na que si se mostren os atrasos seculares dos que aínda non rematou de fuxir a pel de touro.

Historia de España
Joseph Pérez

Editorial Crítica

Páxinas 168 Prezo 29,90 €

(*) Se mantiene el idioma original del artículo, publicado en la edición impresa de El Progreso el pasado día sábado 15 de noviembre de 2014.

Comentarios