A historia absolve a Valle-Inclán

O problema dos escritores non é a literatura. Nin a televisión. Nin Internet. Nin a sociedade. O problema dos escritores son os parentes

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SEGURO QUE é inxusto que un merque unha casa e poida ser disfrutada polos fillos dos fillos, pero que escriba unha obra de teatro e oitenta anos despois da súa morte xa non se poida herdar. Dá unha idea do diferente que considera a especie humana os bens raíces e a propiedade intelectual. Pero este xaneiro próximo a obra de Ramón María del Valle-Inclán pasará a dominio público e, finalmente, unha parte da familia xa non terá que decidir que en galego non se pode. A vida e as herdanzas teñen estas cousas: non é a liberdade artística a que pon a Valle nos escenarios galegos, é unha disposición legal.

O Centro Dramático Galego e Producións Excéntricas, cada un pola súa banda, montarán textos de Valle-Inclán en galego. Ningunha das dúas compañías escolleu ir por esas obras que se consideran centro escénico do autor, pero a estas alturas da historia para Valle non hai centro nin periferias. O CDG camiña cara a ese territorio no que o director José Luis García Sánchez fracasou cinematograficamente cando se enfrontou á triloxía de ‘Martes de Carnaval’. Producións Excéntricas porá en escena ‘A cabeza do dragón’, unha obra que se escribiu para rapaces, pero desde 1910 eses cativos terán crecido moito.

A Valle-Inclán gustáballe reinventarse. Reinventaba a súa biografía como inventaba a dos seus personaxes. Fantaseou con ter nacido nun vapor no medio da ría de Arousa. Fantaseou co seu dereitos nobiliarios mentres esquivaba as dificultades económicas. Fantaseou coa realidade. Ao dramaturgo desgustáballe a realidade como lle desgustaba a historia. Deulle voltas ata cambiar o xeito en que se conta, que é unha maneira de comezar a cambiar a realidade. Inventou o esperpento e o mundo acabou por darlle a razón: agora case todo é esperpento. Desde a economía ata os funerais de estado.
Estes días prendo o televisor e non deixa de cantar Carlos Puebla. Poño a radio e tampouco. Escoito unha fervenza de reaccións a unha morte e case todo me parece manexado con esa distancia cínica que Valle-Inclán quería poñer en evidencia: todo ten unha tripla intención que hai que aprender a entender ou morrer sepultado pola necedade. Fidel Castro era moito de xestos, como de falar. Valle-Inclán era moito de xestos, de cambiar a súa historia, de poñerlle emoción, era moito do teatro, pero a estas alturas xa sabemos que a historia o absolveu das súas fantasías porque, non fondo, eran todas verdades. O mundo entendeu tan ben o esperpento que se entregou a el coa furia da realidade. Hoxe, a realidade é esperpento e o esperpento é realismo. O difícil, para o teatro, é chegar a conducirse no esperpento contemporáneo sen que haxa un dramaturgo que o escriba. Porque o esperpento de hai cen anos é insuficiente para contar a realidade de hoxe.

Hai moito menos de cen anos, en 1998, o Centro Dramático Galego xa se puxo con Ramón del Valle-Inclán. A suma de cinco obras dispostas na mesma produción titulábase Valle 98 e pretendía ao mesmo tempo ser conmemoración e a demostración de que o teatro galego estaba maduro. O CDG tropezou coa negativa dos herdeiros a que se traducira ao galego e decidiu montalo en castelán mentres abría unha fenda na credibilidade do teatro institucional galego que a solvencia artística da produción acabou por afondar. O CDG, como Valle fixo algún día, confiou en que o naufraxio en Galicia fose compensado por un éxito en Madrid. Pero a capital española, como fixo algún día con Valle, foi aínda máis inclemente co Centro e con aquela superprodución que pretendía confirmar a maioría de idade do teatro galego e só confirmou a adolescencia das súas institucións culturais.

A historia, polo momento, non absolveu ao Centro Dramático Galego das súas malas decisións, pero estaba ben claro que Valle-Inclán tiña que cruzarse co teatro galego sen traumas familiares. Un Valle finalmente liberado de herdeiros e desa interpretación que tanto o traizoou: aquela maneira de ver que convertía as obras do autor en teatro costumista, aquelas adaptacións exasperantes que esquecían que para ese teatro o contexto das accións era tan importante como o texto. Esas obras que presumindo de conservar o texto orixinal, en realidade contaban historias contrarias á intención do dramaturgo. Pero a linguaxe preocupou moito menos que o idioma a quen era dono dos dereitos de Valle-Inclán e o autor parece disposto a deixarse dicir en galego e 2017 será o ano de Valle en Galicia. Sen que ninguén decida como se di e sen que veña alguén a dicirnos como se fai.

Comentarios