martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Hipérboles

POLA PRENSA sabemos dun traballo de investigación do profesor Emilio Grandio sobre a peripecia vital dun monfortino, militar profesional e autor dun diario de guerra que abranxe o periodo 1936 e 1937 por cuxo contido foi fusilado logo dun xuizo sumarísimo. Unha irrefreable ansia de deixar testemuño das atrocidades da guerra no frente e na retaguarda, e un exceso de confianza, tiveron un tremendo final. O relato céntrase no avance cara Asturias das columnas galegas e no levantamento do cerco a Oviedo, circunstancia que nos vai permitir continuar coa cita que faciamos aquí hai quince dias sobre as referencias esaxeradas e propagandísticas daquel convulso período, en contraste co aludido diario que resulta moi conciso e axustado.

En 1938, o escritor asturiano Alfonso Camín publicou un libro titulado ‘España a hierro y fuego’, onde recolle as suas andanzas, vivencias e lembranzas sobre a sublevación franquista e a represión. Faise eco dunha estadía en Lugo e dunha conversa con José Manuel Pedregal. Logo relata unha viaxe cara Asturias, por Navia e Luarca até Pola de Allande, seguindo unha ruta sumamente arriscada e perigosa. Pero antes de sair da cidade amurallada, un rapaz de Ribadeo fálalle da dura represión levada a cabo na vila. Tal parece ser o detonante dun relato que non se sabe moi ben en qué se inspira, pero absolutamente desmesurado e con moi pouco que ver co acaecido: di Camin que defenden a vila xunto cos setenta carabineiros da guarnición douscentos paisanos armados con rifles e escopetas de caza, o combate dura seis horas e as forzas asaltantes teñen setenta mortos, pero os defensores contan con cen baixas. Logo, a garda civil detén a trescentas persoas que embarca en camións camiño de Lugo e, finalmente, ven o capítulo da represión con episodios incribles envoltos nunha retórica heroica. O capítulo titúlao ‘Los mártires de Ribadeo’.

Naturalmente en Ribadeo, e noutras vilas, houbo unha dura represión. Organizouse unha resistencia contra as tropas procedentes da capital e morreu xente do bando leal e houbo feridos no asaltante. E nos días seguintes rexístranse ‘sacas’ do cárcere e paseos e, logo, xuizos sumarísimos. Pero isto ten moi pouco que ver co relato de Camín, cheo de retórica propagandística, pero francamente alonxado da realidade. Na vila, organizouse un comité de resistencia formado polos partidos da Frente Popular, e presentaron batalla contra a columna liderada polos comandantes Álvarez Holguín e López Revuelta. Hai seis baixas en total, e unha máis ainda que quizais imputable á situación de medo e nervosismo por parte das tropas sublevadas. Ás seis da tarde o comandante Álvarez Holguín da Garda Civil entra no edificio do Concello e dalle posesión ao novo alcalde e, efectivamente, envianse con destino a Lugo persoas detidas, pero nun número inferior ao sinalado polo escritor asturiano. Constrinxidos os feitos até a sua propia medida, seguen sendo arrepiantes e merecendo a consideración de mártires os que os padeceron.

Hipérboles
Comentarios