Herdanzas de cargos como se fosen fincas

CONFESO que ata hai días a penas oíra falar do apelido Candal, todo o contrario que os veciños do concello de Valdeorras no que é unha institución pois corresponde a quen ostenta o goberno local desde os setenta. Candal era o franquista que na democracia seguiu sendo alcalde de Vilamartín, primeiro con UCD, logo con CG e máis tarde con AP e PP. A el substituíuno a filla a medio mandato en 2008, pero non foi quen de revalidar o posto, ao que volve acceder agora tras unha moción de censura. Nada fóra da lei. Entón, pouco que obxectar a non ser que as sagas na política poden translucir un desmedido afán de poder que se herda igual que unha finca. E iso non é moi saudable na democracia. Pero este caso non é comparable á familia da deputada Andrea Fabra. Un antepasado seu xa foi en 1874 presidente da Deputación de Castellón. Logo fórono seu bisavó, seu avó e seu pai. Iso si é percorrido político.

Comentarios