Héctor López: "Xa me gustaría ter no meu restaurante pratos do concurso"

O lucense Héctor López, chef do España, suliña o alto nivel dos concursantes de '‘Desafío nos fogóns'’, da TVG, no que é xurado
O cociñeiro lucense Héctor López
photo_camera O cociñeiro lucense Héctor López

Cal é a mellor receita do capón? E a maneira máis saborosa de preparar a lamprea? Onde atopamos a mellor empanada? Dous rostros ben coñecidos da Televisión de Galicia -Xosé Barato e Federico Pérez-buscarán a varios cociñeiros de dúas localidades galegas distintas para competir entre fogóns e demostrar que son os mellores á hora de preparar os produtos típicos de Galicia.

Nace así ‘'Desafío nos fogóns'’, o programa que a Televisión de Galicia estrea o vindeiro xoves 14 de xaneiro, ás 22.30 horas, e no que participa como xurado o chef lucense Héctor López (do restaurante España), que será axudado na tarefa pola cociñeira afeccionada e exconcursante de ‘Masterchef’ Churra Costa.

Aínda que ten participado en concursos e catas gastronómicas, esta é a primeira experiencia como xurado televisivo para Héctor López e a experiencia, según conta, non pode ser máis satisfactoria.

Por unha parte permitiulle coñecer cómo funciona a grande maquinaria da televisión, "como é un programa destas características por dentro, con toda a súa loxística. Ao final fas un pouco de todo", comenta ríndose.

 "En cada entrega, o programa visitará dúas vilas galegas, que loitarán polo premio" 

En cada programa, o equipo visitou dúas vilas galegas, polo que o espectador non só gozará co concurso en si, senón que tamén poderá coñecer aos veciños desas localidades, así como os produtos gastronómicos estrela.

Por outra banda, López recoñece que quedou perplexo co grande labor que fixeron algúns dos concursantes, todos cociñeiros amateur. Nese sentido non ten reparos en asegurar que xa lle gustaría que "algúns deses pratos estiveran na carta do meu restaurante".

"Visitamos moitas vilas, vimos produtos boísimos, sobre o que puidemos recoller máis información que aportaban os propios veciños... distintos puntos de vista", recorda.

A todo isto engade -como a mellor experiencia personal coa que saliu de esta nova aventura profesional- o contacto cun "equipo humano marabilloso". Un grupo de xente como Xosé Barato, Federico Pérez ou Churra -"xa moi curtida en televisión", di- que lle puxeron as cousas fáciles, que "son grandes profesionais e que fixeron que todo se fixera con naturalidade, algo que penso que finalmente se transmite ao espectador".

O capón de Vilalba, a empanada de Allariz, o bonito de Burela, a sopa de marisco de Muxía ou o polbo do Carballiño son algúns produtos e pratos aos que se enfrentarán os tres concursantes seleccionados por cada vila, que loitarán por un premio de 1.000 euros.

"Non é unha exaltación da cociña tradicional nin da contemporánea, é unha mestura das dúas"


López aclara, vendo este menú, que non se trata nin dun programa de cociña tradicional nin dun programa de cociña contemporánea, senón que amosa unha harmonía entre ambas.

"Temos unhas excelentes materias primas pero a idea de que a cociña galega sexa pouco sofisticada está desfasada", opina como apunte.

Hector López asegura que ‘'Desafío nos fogóns'’ garantiza grandes momentos gastronómicos, así como enormes doses de humor, e por suposto, de tensión, como calquera competición.

Preguntado pola súa opinión sobre os programas televisivos de cociña para nenos, Héctor López aporta unha visión amable: "Poden competir, pero teñen máis complicidade que os adultos. Nós, nos cursos para pequenos que organizamos no España vemos que este tipo de actividades tamén lles proporcionan información sobre como alimentarse mellor".

Comentarios