sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

Harmonías para festexar Santa Icía

Os municipios de Vilalba, Meira e As Pontes promoven diversos concertos e actividades para honrar á patroa dos músicos

Como cada 22 de novembro, as harmonías enchen cada recuncho das vilas de Vilalba, Meira e As Pontes, coincidindo coa celebración da patroa dos músicos, Santa Icía.

Algunhas agrupacións decidiron adiantar esta efeméride para congregar nas súas actividades ao maior número posible de afeccionados. Así o fixo, por exemplo, a Banda de Música de Vilalba, que aproveitou o sábado para celebrar o seu tradicional concerto no auditorio municipal Carmen Estévez, que nesta ocasión tivo un carácter aínda moito máis especial. E é que a asociación que xestiona a formación vilalbesa quixo aproveitar esta oportunidade para festexar por todo o alto os seus 25 anos de historia.

A agrupación, que actualmente conta con medio cento de músicos, preparou un repertorio especial polas súas vodas de prata. E non foi a única sorpresa, xa que ademais compartiu escenario con Cántigas da Terra, conseguindo poñer en pé a un auditorio ateigado.

A Fundación TIC gravou o concerto do 25 aniversario da Banda de Vilalba

A Deputación tamén quixo colaborar nesta celebración, polo que a Fundación TIC encargouse de gravar integramente o concerto conmemorativo para despois editar un DVD co recital.

En Meira, e como xa manda a tradición, a escola de música municipal da vila tamén organizou o seu tradicional concerto de Santa Icía. Nel participaron a banda de música, a de gaitas e o grupo de acordeóns Sin Palabras, así coma a prebanda meirega e os chamados Gaiteiros do Berce.

O centro sociocultural quedou pequeno para acoller a un público que vibrou cun espectáculo traballado e moi animado, no que se puideron oír pezas coma o ‘Himno do Antigo Reino de Galicia’, ‘Concerto d’Amore’, ‘Negra Sombra’, ‘Unha noite na eira do trigo’, ‘María Manuela’ ou ‘Mallou’.

O variado repertorio fixo as delicias de grandes e pequenos, permitindo que este tipo de recitais se convirtan nun fermoso escaparate para atraer a posibles novos músicos.

As celebracións na honra da patroa das harmonías tamén teñen gran acollida nas Pontes, onde o colectivo Ruada organiza un amplo programa de actos que comezou o pasado sábado e se prolongará ata este domingo, día 27.

A banda de gaitas das escolas municipais de música tradicional foi a encargada de dar o pistoletazo de saída, cunha actuación o sábado na Casa Dopeso.

Hoxe, ás 16.00 horas, os alumnos da escola da banda cultural animarán ao público co seu espectáculo, que tamén se celebrará no salón de actos da Casa Dopeso, e mañá, mércores 23, haberá actuacións por partida dobre. Así, por un lado o grupo de música tradicional No Cómbaro tocará no centro sociocomunitario e os alumnos e profesores do conservatorio farán o propio na Casa Dopeso.

O xoves, a biblioteca municipal acollerá un obradoiro musical para nenos e o clarinetista Luis López Melero será o protagonista dun concerto.

A asociación Ruada das Pontes organiza preto dunha vintena de actos ata o domingo 27, incluída unha homenaxe a José María Piñeiro e Pedro Anillo

O venres, tamén haberá música a raudais. Mentres a banda xuvenil e a cultural compartirán escenario no Alovi, o colectivo de gaiteiros das Pontes artellarán unha nova Foliada no Lar de Endesa, con Quenindiole, Repichoca Ferrol e No Cómbaro.

Os días grandes de Santa Icía nas Pontes chegarán a fin de semana co tradicional festival de homenaxe, que nesta ocasión honrará a José María Piñeiro Bouza e Pedro Anillo, dous veciños que nos seus tempos mozos foron integrantes nas orquestras Puentes e Mallorca.

A continuación, o local veciñal das Campeiras acollerá unha cea de irmandade, amenizada polo grupo Pekados. Nesa mesma noite, haberá un concerto do grupo Jin Tony’s Son no bar Colador.

O peche de actividades chegará o domingo 27, coa tradicional misa de Santa Icía, ás 12.00 horas, na igrexa de Santa María de Ribadeume, trala que se fará unha ofrenda floral no monumento aos músicos, ubicado nesta parroquia pontesa, e na que tamén haberá animación musical a cargo de Alende, Canavella e o coro de alumnos do conservatorio. Un broche de ouro a unha intensa semana na que todo xirará de novo ao redor da música.

Harmonías para festexar Santa Icía
Comentarios