Hai que catala a grolos cativos

Cabo do Mundo desde os socalcos da Cova. JESÚS VÁZQUEZ.
photo_camera Cabo do Mundo desde os socalcos da Cova. JESÚS VÁZQUEZ.

A RIBEIRA SACRA hai que catala aos poucos, igual que o bo viño, degustado a grolos cativos. Por iso unha asociación veciñal do Saviñao ideou unha ruta a pé para facer por treitos. É un percorrido co Miño como referente, as montañas labradas en muras como marco e a tranquilidade como goce dun camiño que por moitas veces que se ande nunca será o mesmo, igual que calquera que se emprenda pola ribeira, segundo a época, o ánimo e a compaña.

A Ribeira Sacra non é para collela con présa, xa os romanos tomaron o seu tempo para furar 400 metros de montaña e desviar o Sil en Montefurado na época do emperador Trajano, no século II, co fin de extraer ouro, igual que os lugareños foron de chanzo en chanzo convertendo ladeiras en socalcos nos que cultivar as cepas que hoxe son a base da materia prima dunha das principais actividades da comarca. Porque o viño mudou de produto alimentario de subsistencia desde o paso dos romanos por estas terras a froito no que sustentar empresas rendibles incluso con mercado exterior, competitivas a pesar de tratarse dunha viticultura heroica, de case nula mecanización, de traballo manual que deixa unha imaxe única.

A cultura do viño está tan enraizada na bisbarra que incluso para os mozos non se concibe un xantar sen el. Xa sendo eu maior de idade, haberá disto uns 30 anos, asistín a unha escena na que un cativo que foi comer cun curmán á casa dun parente preguntou, sorprendido, cando lle puxeron auga no vaso: «E logo, nesta casa non hai viño, ouh?». Porque o habitual era, e é, que cada familia produza o seu viño para consumo propio e agasallar a parentes e amigos cando se achegan de visita. Pero se ben os labradores foron moldeando pouco a pouco o territorio, a mediados do século pasado a enxeñaría rachou dun xeito abrupto a harmonía. A construción dos encoros no Miño e no Sil (Belesar, Os Peares, San Martiño, Santo Estevo) apartou familias e separou ribeiras, antes a un paso que incluso no estío nalgures se podían atravesar os cauces sen risco, e agora tan afastadas que nin os aturuxos que alegraban estas terras se oen.

Porque viño e auga marcan este territorio sacro, de nome pero tamén de querencia polos que nacemos nel; pero se ben o viño está no bo sendeiro de deixar riqueza, a auga aínda non foi suficientemente valorada por moito que desde hai xa algúns anos naveguen catamaráns polos chamados con grandilocuencia mares interiores de Galicia, que aínda que non o sexan de verdade teñen as súas praias, como a da Cova (O Saviñao), e os seus embarcadeiros varios para que os turistas poidan facer paradas antes e despois de contemplar a beleza paisaxística de algo inigualable, porque a natureza non permite reproducións. E como contra os elementos é difícil loitar, mellor adaptarse a eles, porque xa que os ríos están embalsados, evitar que sexan embalsamados, como se queixaba o escritor Manolo Rivas. Construídos os encoros que privaban de fincas e anegaban soños, había que explotalos. E algo, mínimo, sóubose aproveitar, porque nun exemplo de adaptación convertéronse estradas asulagadas en lugares propicios para novas experiencias como aprender a nadar. Deste xeito poidemos dar as primeiras brazadas todos os da miña xeración cando eramos mozos. Isto era perto da ponte Mourulle, a construída polo enxeñeiro Torroja como sustituto da ponte Fortes para unir por estrada O Saviñao e Taboada, pero puido ocorrer en moitas outras vías inutilizadas para a automoción, pero reconvertidas para a natación. Somos da ‘xeración dos encoros’, porque nacemos pouco antes ou pouco despois de que a presa de Belesar, a máis grande de Galicia, deixase centos de lugares baixo as augas, algúns dos cales aínda asoman tímidos no verán.

Rendible. Está de aniversario. Medio século hai xa daquilo e aínda non se soubo sacar rendemento abondo desa fenda. Do viño si se saca rendibilidade, porque desde a época en que meu avó tiña a ingrata tarefa de lavar cada ano a mesma cuba con produtos abrasivos ata a actualidade hai de separación un cambio de concepto. Fibra de vidro e aceiro substituíron a madeira e permitiron unha mellora cualitativa nas adegas, e así, dunha nunha e todas xuntas, cambiaron a fisonomía da ribeira de tal xeito que se poden visitar milenarias como as de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), que manteñen intacto o seu encanto desde que as ergueron pedra a pedra xeracións que se perden no tempo, ata modernas instalacións de deseños actuais en Chantada, Sober, Pantón, Quiroga ou calquera concello ribeirao que soubo atopar no viño, desde que hai dúas décadas se acadou a denominación de orixe, o que tiña diante dos ollos. Porque non sempre aprezamos o que temos, por iso quizais valoren máis o noso os que nos visitan que nós mesmos. Porque cada vez hai máis xente que non só vén pola Ribeira Sacra dar unha volta en catamarán, senón que se para nos miradoiros que sobre o Sil sempre existiron pero que agora son máis accesibles e mellor preparados, entra en adegas para aprezar a súa arquitectura e degustar un bo viño ou vai de igrexa en igrexa románica das ducias que se atopan na comarca (Atán, Pombeiro, Eiré, Cangas e o convento de Ferreira en Pantón; Ribas de Miño (Santo Estevo e San Vitorio), Seteventos, Fión, Marrube, Diomondi e A Coba no Saviñao; Pesqueiras, San Salvador, Requeixo e Camporramiro en Chantada, e non sigo por non aburrir). E contempla absorto o cabo do Mundo e a grandiosidade dos meandros do Miño nun lugar no que se condensa a Ribeira Sacra: paisaxe, románico e viño. E preto de aí, os codos de Belesar, onde se conserva case íntegra a calzada construída polos romanos como ruta secundaria da principal que unía Astorga e Braga. A forte pendente obrigou aos deliñantes da época a argallar unhas pronunciadas curvas para evitar a elevada pendente que chega ata o río e cando se concibiu seguía cara Chantada.

E como esta ‘ryboira sacrata’, bautizada así polo seu elevado número de mosteiros, templos e covas de eremitas diseminadas polas ladeiras dos canóns, é moi dada historicamente á tranquilidade nada mellor que un descanso no balneario de Augas Santas (Pantón), en contraste coa actividade lúdica da capital comarcal, Monforte, asentamento dos antigos lemavos de cultura castrexa, na parte máis alta, onde hoxe se atopan o mosteiro de San Vicente, a torre da homenaxe, restos da muralla e o palacio dos Condes de Lemos, pináculos todos do burgo medieval e da xudería. O Parador, no que se reconverteu parte do conxunto, é outro lugar para o repouso desde o que abstraerse de todo o bulicio das rúas de máis abaixo. E un pouco máis aló, Nosa Señora da Antiga, mosteiro e igrexa fundadas no renacemento polo cardeal Rodríguez de Castro. E logo de atravesar a ponte vella (din que romana, pero reedificada no medievo), volta ao monte de San Vicente, mirador de lonxano horizonte, desde o que contemplar sen tempo por diante a grandiosidade do val ou ben sumirse nun libro de Manuel María ou de Lois Pereiro ao tempo que degustar un vaso de viño da Ribeira Sacra.

Comentarios