''Hai moito talento sen aproveitar no audiovisual galego''

O director rabadense Jorge Coira, durante a rodaxe de ‘18 comidas’.
photo_camera O director rabadense Jorge Coira, durante a rodaxe de ‘18 comidas’.

El é de Rábade, pero séntese parte da Terra Chá. Dirixiu filmes como ‘O ano da carracha’ ou ‘18 comidas’ e series televisivas de renome como ‘Padre Casares’ ou ‘Pelotas’. E, a pesar dos numerosos éxitos colleitados, el considera que voltar a casa é a súa maior satisfacción.


A pesar de ser natural de Rábade, algunhas persoas, como é o caso do presidente do Iescha, Manuel Castro Santamariña, considérano a vostede como un chairego máis. Está de acordo?

Completamente. De feito, cando se fixo a división por comarcas hai xa uns cantos anos, no caso de Rábade fixeron unha cousa moi rara, que foi apartala da Terra Chá, un lugar ó que pertencía de sempre. Na miña vila hai unha asociación cultural que se chama precisamente así, A Chaira, e eu sempre tiven moi claro que era chairego.

E que lle pareceu que escollesen o seu filme ‘18 comidas’ para o Día da Cultura Chairega?

Un orgullo tremendo, xa que é unha cousa moi bonita ter un recoñecemento na túa propia terra. Eu fun vivir a Santiago de Compostela, pero sempre fun de aquí e aínda continúo votando aquí. Sigo sendo de Rábade.

Con esa película vostede logrou moi boas críticas e moitos recoñecementos, pero no cine o público segue a preferir as grandes producións norteamericanas. Por que?

A verdade é que a resposta do público con respecto a ‘18 comidas’ foi sinceramente moi boa, xa que se mantivo máis semanas en cartel das que calquera de nós agardabamos. O que pasa coas producións americanas é que teñen presupostos multimillonarios que necesitan unha rendibilidade moi grande, e nós non podemos competir con iso.

O audiovisual galego sempre tivo un maior éxito na pequena pantalla ca na grande. A que se debe?

Ten moito que ver cos hábitos de consumo. A serie de televisión vela na casa no momento no que se emite, mentres que para ir ó cine tes que desprazarte intencionadamente. No cine a fórmula do éxito é a promoción, atraer ós espectadores, mentres que na televisión o que tes que facer é lograr que o público se manteña, xa que chegar é máis fácil.

E agora as producións galegas chegan incluso ó estranxeiro, como é o caso de ‘Padre Casares’.

Eu sempre pensei que tiña que ocorrer, xa que dende mediados dos 90 a cantidade de xente chea de novas ideas e talento audiovisual era moi grande en Galicia. Agora os froitos dese traballo feito con esmero e calidade compróbanse na compra de series e formatos por parte doutras cadeas, o cal é un orgullo para os que vivimos disto.

De todas as series que fixo, cal recorda con máis cariño?

Sen dúbida, ‘As leis de Celavella’, xa que había unha implicación especial de todo o equipo por facer un bo papel nun proxecto duro e arriscado, xa que se trataba da primeira gran produción de época realizada en Galicia. Foi realmente un gozo.

Dirixiu ‘Terra de Miranda’. Se lle propuxeran realizar unha serie titulada ‘Terra Chá’, ou algo similar, atreveríase a facelo?

Encantado. Sería algo distinto a ‘Terra de Miranda’, que tivo o seu sentido na súa época, pero agora non o faría así, xa que é aburridísimo repetir. Eu penso que debería tratar sobre o espírito de tranquilidade co que se vive na Chaira. En verdade, hai algo en toda esa planicie que resulta moi atractivo, moi especial.

Tamén realizou recentemente dúas grandes series a nivel nacional: ‘Pelotas’, en TVE, e ‘Piratas’, en Telecinco. Por que non obtiveron o éxito que se agardaba?

O fracaso de ‘Piratas’ foi porque se fixo con pouca preparación, xa que se tomaron decisións moi pouco pensadas dende arriba, soamente co obxectivo de lograr uns resultados que nunca chegaron. No caso de ‘Pelotas’, eu non penso que fose para nada un fracaso, xa que se fixo o que se quería facer dende un principio: historias cotiás con encanto, moi chulas. O malo foi que coincidiu cun momento crítico en TVE, no que non se sabía moi ben qué rumbo ía tomar a cadea.

Ó longo destes anos dirixiu tamén algún que outro documental. Que lle achega este xénero?

En primeiro lugar, conleva unha responsabilidade brutal, xa que os personaxes cos que tratas son reais, de carne e óso, e tés que tratalos a todos de forma xusta, para non danar a súa imaxe. Positivamente, achégame o contacto coa vida, cunha realidade que te atrapa, con moito menos control. Por iso me sinto máis cómodo dirixindo ficción.

Tén algún método para dirixir?

Non, sempre dependo de cada caso concreto. Cada vez que fas algo é novo, inventas a forma de rodar. Sempre hai cousas que inflúen en cada proceso: os actores, o xénero, moitas cuestións sobre as que tes que improvisar.

E hai agora mesmo algún proxecto en canto a filmes ou series?

Haber hai, pero non podo dicir nada porque non hai nada pechado. E incluso pode que haxa algunha outra cousa...

Que ten que ter un filme para ser bo?

Pode ser bo de moitas formas, pero ten que partir da honestidade e amosar o complexo da existencia. Non podes facer unha película que dea respostas porque non as hai; tés que suxerir preguntas de todo tipo no espectador.

O ‘cinema galego’ existe?

Existe no sentido de definición xeográfica, pero en canto a estilos e temáticas non é unha cousa tan monolítica. O que si é certo é que é algo incipiente que vai medrando pouco a pouco, con xente nova moi válida como Enrique Otero, Oliver Laxe, Luis Avilés, Álex Sampaio, Dani de la Torre ou Carlos Sedes.

Xente con boas perspectivas de futuro, non?

A ver, en canto a talento si, pero en canto á industria nunca estiveron as cousas tan complicadas. Hai que buscar novas saídas.

E unha desas saídas pode ser a rede en lugar das salas de cine?

Non creo que desaparezan as salas, xa que implican un consumo social e unha calidade de visionado que non se pode igualar. Internet é un medio que hai que saber utilizar de forma legal, non con descargas ilícitas que soamente axudan ós delincuentes que se lucran co traballo de outros. Estamos nunha época de axustes trala que todo se dilucidará.

Entón, cal é o futuro do cine?

Irá cambiando. Mudará de pel, pero seguirá contando historias, algo ancestral que xa facían os nosos avós arredor do lume. A todos nos gusta que nos conten contos. 

DE PRETO

«Dende sétimo de EXB o meu gran soño foi ser director de cine»

Que é Rábade para vostede?

O meu lugar, a miña casa. O primeiro chanzo da miña vida.

Xa era afeccionado ó cine de neno?

Non recordo moi ben cando me veu o gusto polo cine, pero o que si sei é que dende sétimo curso de EXB quería ser director. Se cadra a culpa tena o meu irmán maior, un gran cinéfilo xa daquela.

Un filme que lle gustaría ter dirixido.

‘Magnolia’, de Paul Anderson.

Unha película que lle gustou, pero que rexeitaría dirixir?

‘O señor dos aneis’, porque non creo que tivese tanta paciencia como Peter Jackson para pasar tres anos enteiros de rodaxe.

Hai algún xénero que non lle interese?

Non me gustan as películas de terror nin as que teñen que ver co mundo do corazón.

Un actor e unha actriz.

Hai moitísimos, pero quédome con Luis Tosar e Lola Dueñas.

A súa paixón é a sétima arte. Que hai das outras seis?

Destacaría a literatura e o teatro.

18 comidas son moitas. Escolla unha soa.

Se é da película, a dos velliños, pero se é para consumo propio, un bo chuletón de vaca.

Comentarios