Hai moita música máis aló de 'Que me quiten lo bailao'

11 de outubro

HOXE NON QUEDA ninguén sen saber quen é Lucía Pérez. Ata hai uns meses en Galicia e nalgún outro sitio xa se sabía da valía desta moza e en 2011 xa quedan poucos lugares onde non lle poñan rostro e voz a esta rapaza do Incio que esta primavera foi a primeira galega en reprsentar a España en Eurovisión.

Lucía Pérez cantou nos ultimos tempos en moitos escenarios aos que nunca subira, pero persiste en reencontrase unha e outra vez co público que a segue desde que non tiña idade para conducir e xa gañaba concursos de televisión.

Ela insiste entrevista tras entrevista que o seu non foi un sprint: «É unha carreira de fondo». En Lugo e en Galicia iso sábeo todo o mundo, porque viron como a adolescente se bregaba nos escenarios, como incrementaba a súa formación, como ía asumindo novos retos cando se vía preparada.

Para os que coñecían a Lucía Pérez da 'Canteira de cantareiros' de Luar non foi unha sorpresa que se impuxese a todos os seus rivais para representar a España en Eurovisión, porque xa asistiran —semana tras semana— ás victorias dunha novísima Lucía Pérez ante todos os contrincantes que pasaron polo plató da Dona Dana de Touro.

O seu pecorrido artístico cruzouse co do cantautor rioxano Chema Purón case por casualidade e desde hai preto de dez anos os seus pasos camiñan xuntos e Purón encárgase de compoñer e producir os traballos de Lucía, amén de acompañala nos directos.

E Lucía Pérez empezou a conseguir pequenos grandes logros: un disco de ouro galego, unha meritoria segunda praza no Festival da Canción de Viña del Mar (Chile)... e manter unha carreira discográfica que naceu modesta e cos pés na terra e que lle foi dando máis e máis relevancia.

Cando chegou Eurovisión Lucía Pérez tiña gañado o primeiro festival Gayvisión celebrado en España, cunha canción en galego que lle dedicou ao Incio, o seu fogar.

O resto da historia é ben coñecida: Lucía Pérez foi elixida para representar a Televisión Española en Eurovisión con máis dun 70% dos votos fronte aos seus rivais e, desde ese mesmo momento, 'Que me quiten lo bailao', o tema que lle tocou defender foi motivo de debate.

Ela soubo estar á altura con todo o que supón o feito de presentarse ante millóns de persoas de todo o mundo nunha das citas televisivas máis masivas cunha canción que lle asignaron sen deixarlle dicir nin mu.

O mellor sorriso e profesionalidade e ata os eurofáns máis críticos tiveron claro que a de Lugo foi unha boa elección, xa que tomou a súa participación no festival eurovisivo con entrega e saber facer.

Lucía Pérez trouxo canda si de Eurovisión unha chea de lembranzas para contarlle aos netos e o reto de marcar un novo paso na súa carreira.

Polo de agora, valeulle para publicar disco cunha multinacional ('Cruzo los dedos', Warner) y para embarcarse nunha xira de verán ateigada de concertos.

Logo de xuntar incondicionais por milleiros en prazas da provincia como Viveiro e Monforte; logo de pasar con éxito polas festas de San Mateo de Logroño e de alzar a súa voz na mítica sala Galileo Galilei de Madrid, Lucía Pérez volve a Lugo para contarlle aos seus, ao seu público de sempre, que lle queda moita música despois de 'Que me quiten lo bailao' e da súa participación no festival da canción de Eurovisión.

Comentarios