Hai esperanza

HAI uns días mantiven unha conversa cun investigador interesado en descifrar o suposto e irremediable destino da humanidade, abocada á catástrofe polo esgotamento dos recursos naturais e o medio ambiente. En algún aspecto, concordo coa súa preocupación; é ben sabido que o número de habitantes do planeta se ten disparado no último século. De aquí a corenta
anos, pasaremos de sete a nove billóns de persoas. Como anticipara Malthus no século XIX,  se os recursos non medran na mesma ou maior proporción que a poboación chegará un punto no que non haberá con que alimentar a tanta xente. De feito, a mediados do século XX outros pensadores anticiparon que este dramático momento estaba próximo. Porén, os agoreiros, como os que de cando en vez falan da apocalíptica fin do mundo, erraron completamente.

Exceptuando algunhas partes de África, a situación económica do mundo, e en concreto a  dispoñibilidade de alimentos, ten ido a mellor. Concretamente, tense dado un avance espectacular en un grupo de países que en conxunto representan unha grande proporción
da poboación mundial; é o caso de China, India e Brasil, que a piques están de entrar no club
de países desenvolvidos. Este é un cambio fundamental para a humanidade, se cadra pouco valorado polos que se inclinan por unha visión pesimista do futuro pero o feito é que a boa planificación e o cambio de modelo agrícola teñen multiplicado a capacidade produtora destes países. En Brasil, en apenas unhas décadas converteron a grande rexión de Cerrado, considerada infértil, no principal centro de abastecemento de café ou soia, entre outros.

Ademais, estes países souberon poñer en práctica unha adecuada planificación familiar. Por moito que algúns prediquen sobre as bondades da reprodución ilimitada, a realidade é que o subdesenrolo está intimamente ligado á explosión demográfica. Cousa que non se entende desde un punto de vista humanitario porque, paradoxalmente, esta circunstancia, lonxe
de ser un canto á vida, convértese nunha macabra anticipación de morte. Porque son moitas as nais que acaban perecendo en algún dos múltiples partos, deixando unha ringleira de orfos; moitos son tamén os nenos que non chegan a idade adulta; os que o fan, teñen que pelexar por gañar o sustento dende antes de ter forzas para facelo. É moi apreciable a tarefa de cooperantes, misioneiros e outros activistas de ONGs varias, pero penso que a verdadeira transformación, e salvación, dunha gran parte da humanidade, depende do traballo dos laboratorios de científicos como Edson Lobato ou despachos de políticos como Alysson Paolinelli. Non disfrutan da fama dos futbolistas, pero son as verdadeiras estrelas do Brasil.

Comentarios