Había unha vez un instrumento...

A XXXII edición do Festival de Pardiñas é o escenario elexido para presentarlle ó mundo o último proxecto saído do obradoiro do artesán e investigador Sito Carracedo, o peitoque, unha evolución das castañolas que, aínda que se toca coas mans, se afasta dos dedos para pendurarse do pescozo, coma se dun colgante se tratase.

O peitoque -un xogo de palabras con peito e toque que resume a esencia deste instrumento- «un nome ideado por un amigo», ten un mecanismo sinxelo, pero non por iso doado de conseguir: son dúas pezas circulares de madeira suxeitas por unha goma que regula a tensión. Levan unha caixa de resonancia e soan ó bater unha coa outra e co peito, ofrecendo a posibilidade de sacar diferentes matices no seu son.

Trátase dunha nova castañola, redonda e susceptible de ir decorada ó gusto do consumidor, que pode fabricarse en madeira de cerdeira, palo rojo, ébano, granadillo, quebracho ou teixo, «que quizais sexa o que mellor soa, sen desprezar ó buxo», apunta Sito. O seu prezo varía, dende os 50 euros dunha peza básica ata o que o seu demandante queira gastar.

A súa vez, este novo instrumento de percusión xa patentado, no que Carracedo traballa dende hai dous anos, forma parte dunha investigación dunha década ó redor das castañolas como elemento de percusión, para poder tocalas con máis instrumentos. Os pitos -presentados oficialmente na pasada edición de Pardiñas- son o máximo expoñente deste traballo, que involucra a un bo número de amigos e de colaboradores.

«Este é un traballo de moita xente», di Carracedo, e cita ós percusionistas Roi Adrio, de Quempallou, encargado das probas e de elaborar os videos, e Rubem Dantas, quen foi percusionista de Paco de Lucía; Rami, responsable do taller Patapum de Covas (Quiroga), encargado da decoración dos pitos; ou Óscar, quen deseñou unha máquina para traballar internamente a acústica dos pitos; e tamén Maruxa, Belén, Pedro... que achegan a súa habilidade para levar este proxecto a bo porto.

«As castañolas vense como algo tradicional e coñecido, pero neste mundo hai moito estudo e moita física na consecución do son», precisa Sito, que comezou elaborando pitos só de madeira, pero que, co tempo, pasou a usar tamén materiais sintéticos: «O motivo foi o custe, porque se reduce de 100 a 25 euros, un prezo máis asequible para quen se está iniciando».

Hoxe, os pitos están xa espallados por Europa e os Estados Unidos, con manuais de uso en cinco idiomas e a espera de editar un tamén en braille, un camiño que Carracedo espera que siga tamén o peitoque. Polo momento, xa se internacionalizou, viaxando a Inglaterra e a Irlanda.

E é que este artesán gaiteiro -aínda que agora está nunha pausa no que a fabricación de gaitas se refire- sempre anda a argallar algo novo. O peitoque é a penúltima peza dunha lista na que xa figuran os traballos de investigación sobre varias gaitas europeas, un libro de afinación ou o deseño do higrotapón e do termo-higrómetro.

PITOS: A castañola máis pequena

Hai dez anos, Carracedo comezou a traballar cos pitos, «o modelo de castañola máis pequeno coñecido ata o momento», instrumentos que o artista Rami converte en pezas únicas cos seus orixinais decorados.

HIGROTAPÓN: Humidificador da palleta

 

O higrotapón e un conservador e humidificador para a palleta, que permite manter esta nun estado idóneo de humidade (nunca debería estar por debaixo do 50%) e poder tocar en calquera situación e condición climática.

PEITOQUE: Invento a coñecer

 

O traballo de investigación ó redor das castañolas levou a Sito Carracedo a deseñar un novo modelo, o peitoque, un colgante de madeira que pode ter 63 ou 66 milímetros de diámetro «unha pequena diferenza que xoga moito no son», di Sito.

TERMO - HIGRÓMETRO: Un paso máis

 

Sito Carracedo deseñou o termo-higrómetro como complemento do higrotapón. Trátase dun aparato que mide a humidade e temperatura na que se encontra a palleta cando se emprega o higrotapón.

GAITAS: Catro modelos

 

Sito Carracedo desenvolveu boa parte do seu traballo ó redor de catro gaitas: a galega, a irlandesa, «un reto, porque é a máis complexa», a bock checa, a Sackpfeife alemana, desaparecida hai máis de cen anos e recuperada no seu taller de Pardiñas.

PALLETA MALDITA: Manual de afinación

 

‘Palleta Maldita’ é un libro técnico de afinación da gaita galega, que ofrece un «exhaustivo estudo de tódalas problemáticas e as súas correspondentes solucións que poden xurdir se formas parte do mundo deste instrumento», en palabras de Budiño.

Comentarios