''Me gustaría ser periodista y contar lo que está pasando, ¡es indignante!''

Foto: J. VÁZQUEZ
photo_camera Foto: J. VÁZQUEZ

O enólogo Roberto Regal ve no actual un momento de expansión para os viños da Ribeira Sacra

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

O que máis me gusta e o coñecemento cultural que leva implícito, e o que menos, ter que aceptar que debo facer viábel algún proxecto antepoñendo iso ao meu idealismo.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Por exemplo, ao xornalismo para poder contar o que está pasando nesta sociedade. É indignante.

3. O soño que máis se repite é...

Axudar a crear e a construír ao meu arredor, ata onde cheguen as miñas posibilidades, para dignificar o traballo de xente anónima, aportar o meu gran de area para acadar a xustiza social. Estamos deixando que nos rouben a liberdade.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Si, lugares, momentos e persoas.

5. ¿A quen admira?

Aos meus pais e á xente que pensa e actúa con liberdade e respecto.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

De algunhas cousas si, pero non é momento para contalas senón de mirar cara adiante.

7. ¿Votou nas últimas eleccións?

Non, foi a primeira vez que non o fixen, pero se o tivera feito diría sen problema por quen. Suponse que somos libres e tolerantes, ¿non?

8. ¿Que cita subscribiría?

«Respecta o tempo, se queres que o tempo te respecte».

9. ¿Que coche ten?

Varios, todos de uso vitivinícola.

10. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Un viñedo.

11. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

Un piso compartido con miña irmá e os meus pais.

12. Unha toleada que fixera por amor...

Coido que nunca toleei por amor.

13. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

Penso que todo é perdoable.

14. ¿Teñen algún pacto?

Si, un para poder ver o fútbol os luns pola noite.

15. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Si, a valentía, a constancia, o tesón...

16. ¿Que libro ten enriba da mesiña de noite?

«La sabiduría de La Toscana», de Ferenc Maté.

17. Non sae da casa sen...

¡Sen que me esqueza de algo!

18. ¿Que pecados capitais desculpa?

A gula, se o exceso se comete acompañado dun viño galego.

19. Algo que nunca falte na súa neveira.

Iogures, ¡aínda que sexa caducados!

20. Pérdeo un bo...

Viño con tertulia.

21. Unha prenda que desteste.

A roupa militar.

22. As súas mellores vacacións foron...

Aqueles meses de xullo da miña infancia e adolescencia coa miña familia.

23. A súa viaxe soñada sería a...

Dar a volta ao mundo, cando dispoña de 80 días.

24. A paisaxe que máis o impresionou.

A Ribeira Sacra en outono, omitindo aberracións arquitectónicas.

25. ¿E a súa materia pendente?

Aprender a escoitar, entre outras.

«OS NOSOS VIÑOS SERÁN A ENVEXA DO MUNDO»

1. Sendo enólogo e bodegueiro, o seu polo viño é paixón...

Por completo. Esfórzome para comprender as viñas, estimular ao viticultor e sintonizar co bodegueiro. E son un privilexiado por poder axudar a que cada viño transmita todo isto.

2. ¿E dos que comen sempre con ese acompañamento na copa?

Carrexo botellas de viño para tódalas casas onde como.

3. ¿Os caldos da Ribeira Sacra non teñen nada que envexarlle aos doutras denominacións ou aínda hai camiño por andar?

Estamos ás portas dun momento vitivinícola extraordinario, só precisamos redifinir obxectivos, mostrarnos tal e como somos e ampliar prespectivas e seremos a envexa dos demais viños do mundo.

4. Ten o seu selo persoal en varios viños de autor. ¿Sínteos como fillos?

Son coautor de distintos viños: axudo e axúdanme. Algún leva incluso alma, a da miña familia, e tamén estou convencido de que é o preludio de viños emocionantes e con expresión.

Comentarios