Guitiriz busca consolidar o premio Díaz Castro coa segunda edición

Os interesados teñen ata o 31 de decembro para presentar os seus poemarios a un certame dotado con 2.000 euros e a edición da obra
Regina Polín estivo acompañada por Raúl Gómez Pato e Miguel Anxo Fernán Vello
photo_camera Regina Polín estivo acompañada por Raúl Gómez Pato e Miguel Anxo Fernán Vello

O Concello de Guitiriz convocou oficialmente a segunda edición do Premio Díaz Castro de Poesía, un certame cuxa boa acollida na primeira convocatoria, á que concorreron 61 obras, supuxo "unha sorpresa maiúscula" e que nesta segunda aspira a consolidarse para converterse "nun referente da cultura galega e nun xeito de manter viva a memoria de Xosé María Díaz Castro", tal e como precisou onte a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, na presentación do concurso. 

Polín estivo arroupada polo gañador da primeria edición, Raúl Gómez Pato, grazas a ‘Máscaras de espellos’, e polo membro do xurado e editor da obra a través de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello. "Teño que agradecer o feito de ter convocado o premio e máis aínda esta segunda edición, é moi importante porque demostra vontade de continuidade", salientou Gómez Pato, lembrando a "honra" que supuxo para el ter gañado este premio, o primeiro no seu currículo, no que se animou a participar, pese a non telo por costume, "porque lle tiña un especial agarimo ao poeta". 

Fernán Vello incidiu no "éxito absoluto" que supuxo a primeira edición, non só pola cantidade de obras presentadas, senón pola "gran calidade media", e vaticionou que con esta segunda edición o certame se converterá nunha "institución cultural, é un premio con gran futuro". 

Ademais, o representante de Espiral Maior agradeceulle ao Concello de Guitiriz a súa aposta pola poesía e por preservar o legado dun "amigo persoal" que, en palabras de Carvalho Calero, foi "un dos grandes poetas galegos do século XX". 

BASES. Regina Polín explicou que as bases e os prazos apenas sufriron cambios con respecto á primeira edición. Así, o gañador –o faio do xurado, aínda por designar, farase público polo 19 de febreiro de 2017– obterá unha recompesa económica de 2.000 euros, á que lle hai que sumar a publicación da obra en Espiral Maior. 

O prazo para presentar poemarios pecharase o 31 de decembro. Estes poden ser de tema e forma libre, cunha extensión mínima de 500 versos, orixinais e inéditos na súa totalidade e escritos en galego, segundo a normativa vixente da RAG. Os interesados deberán remitir catro copias ao enderezo Concello de Guitiriz, Rúa do Concello, 4, 27300, indicando que é para o II Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía.

Comentarios