Guadi Galego: "San Froilán segue sendo un referente"

A cantante anuncia "un directo chulo"

TRANSFORMACIÓN E CAMBIO son os dous elementos principais do traballo de Guadi Galego, nada en Cedeira. A cantante, gaiteira e pianista deixou a formación de música tradicional Berrogüetto en 2008. Xa antes, a artista comezara o seu camiño persoal cun proxecto que muda co tempo e evoluciona con ela. Este último paso é O mundo está parado.

Actuou algunha vez en San Froilán?

Hai mil anos con Berrogüeto, pero non podo dicir o ano que foi, fixo que máis de dez anos.

Como lembra o ambiente?

Para min o San Froilán son as festas referentes porque seguen sendo populares, dentro do que é unha cidade. Cubren os gustos de case todo o mundo. Moitas delas se estandarizaron e son típicas festas de cidade e a xente non as vive como se vivían antes. Pola contra, o San Froilán segue sendo a referencia.

Presentou a finais do ano pasado O mundo está parado. Como ve a evolución do seu traballo dende que sacou o primeiro disco ata este momento no que fai unha música máis épica e popeira?

Creo que dende que fago música propia e música de autora fun evolucionando nos sons, pero sigo sendo eu a que compón dende diferentes ópticas e creo que o máis novidoso en O mundo está parado son os sons que tiran máis se cadra ao pop, máis global, pero na esencia segue estando todo o que ten que ver comigo, coa miña evolución dende a música tradicional ata a música de autora. Conste que o directo é bastante máis enérxico que o disco.

Que cambia no directo e ver o ambiente coa xente?

Creo que o directo muda dependendo da xente que haiba, os concertos que son fóra, que non son en teatro, tamén teñen outra enerxía non que sempre proxectas cara a xente, para que a xente se mova e cante. Creo que vai ser un directo chulo.

Falou algunha vez de que sería bo que a música nas linguas cooficiais tivese máis presencia estatal. O catalán xa tivo éxito cos cantautores. Que sería necesario para que o galego tivese relevancia a nivel estatal?

A verdade é que non o sei, xa o fixo Andrés do Barro na década dos 60. Non sei se é unha cuestión de sorte. Tamén estamos nun momento delicado agora mesmo e é certo que as políticas estatais son tamén delicadas e en vez de achegarnos parece que nos alonxamos. Poñer en valor as linguas do estado é unha das cousas que quedan por facer. Temos catro linguas e as catro son moi poderosas e dan riqueza.

Estamos a ver un crecemento da música en galego?

Creo que cando un país comeza a normalizarse, normalizando a vida nunha lingua, os creadores aumentan, igual que os ouvintes. Certo é que aínda quedan moitas cousas que normalizar, unha delas é o pop. Había moito rock en galego, pero se cadra sons máis pop había menos, aínda que o pop non deixa de ser música popular (rise). Ás veces teño a sensación de que se nos repiten os ouvintes. Se cadra é que non damos chegado a máis ouvintes, creo que se fósemos quen de chegar a máis poboación, non falo únicamente de galegofalantes, senón de xente de fóra. É difícil chegar a máis xente.

Dvacas vai actuar con vostede en Lugo. Como foi o asunto?

Convideinas a facer este San Froilán comigo e ellas prestáronse xenerosamente porque son un grupo de moitísimo éxito. Elas fan versións de temas exitosos no mundo da historia da música, versións humorísticas, a parte son unhas grandes cantoras. Xa fixeron comigo un concerto en Santiago e dixenme: San Froilán merécese que volvamos a repetir este concerto que foi moi grato tanto para elas como para min e os meus músicos. Apetecíanos xuntarnos outra vez e Lugo era o sitio, tiñao clarísimo. Entón fixen aí un esforzo e convideinas a que viñeran e elas xerenorasemente quixeron vir. É un detallazo pola súa banda de vir e compartir con nós esa noite en Lugo.

Ultimamente no panorama da mú- sica en galego as voces femininas están a ter moitísima forza como o caso de Uxía ou de Sés. Pensa que está a ver unha valorización na música galega da muller como figura central?

Creo que empeza haber proxectos liderados por mulleres, con nome de mulleres que xa os había. Se cadra é porque se visibiliza un pouco máis. O fenómeno Sés é o máis chamativo nos últimos tempos porque arrasou no públic. É unha muller que lidera a súa banda igual ca min, Uxía ou Mercedes Peón. Deciden facer música e encabezar o seu proxecto con todo o que iso conleva, cousas boas e malas.

Despois de tres discos e anos co seu proxecto, que balance fai da súa traxectoria?

O balance é moi satisfactorio a nivel artístico porque tiven moita sorte e fago o que realmente quero. A nivel económico é moi arriscado sempre porque arriscas moitos cartos. Eu teño o malo costume de pagarlle aos meus mú- sicos (rise) e é complicado economicamente, pero artisticamente moi satisfactorio, estou moi ben rodeada. Non é un logro só meu, senón tamén de toda a xente que traballa comigo.

Comentarios