viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

Granxa Maruxa e Milhulloa únense para producir cosmética autóctona

Marta e María Álvarez, Chusa Expósito e Carmela Valiño, coa súa crema no castelo de Pambre
Marta e María Álvarez, Chusa Expósito e Carmela Valiño, coa súa crema no castelo de Pambre
O primeiro produto será unha crema corporal feita con leite de Monterroso, milenrama de Palas e auga do Carballiño

Cando cinco mulleres da Ulloa se sentan a pensar os resultados sempre son, como mínimo, sorprendentes. Dunha tarde de conversa nunha cociña saíu a idea e as emprendedoras de Granxa Maruxa e Milhulloa loitaron varios anos para levala á práctica. O resultado está á altura do esforzo realizado: a primeira liña de cosmética galega feita con leite ecolóxico e herbas da Ulloa.

Marta e María Álvarez Quintero, de Granxa Maruxa, e Chusa Expósito, Anxos Orgueira e Carmela Valiño, de Milhulloa, son as promotoras desta nova aventura empresarial, Muuhlloa S.L. O nome da nova marca de cosméticos non é casual. "Leva o muu da vaca, o hache da herba, o nome da comarca e o S.L. de sen límite", explica María.

E sen límite traballan estas emprendedoras. De momento, xa teñen listo o leite corporal e en dous ou tres meses chegarán ao mercado un xel e unha crema facial. Todo feito con produtos ecolóxicos, galegos e elaborado na terra. "É cosmética galega de raíz, desde a materia prima ata a elaboración", explican.

A fórmula é súa. A crema corporal leva un 40% de leite de Granxa Maruxa, un 10% de oleato de milenrama de Milhulloa, auga do Carballiño, onde está o laboratorio que a fai, e unha alga vermella que unifica os ingredientes e que traen de Vigo. "Cando falamos de cosmética ecolóxica é en todos os aspectos, desde a produción da materia prima ata o transporte, que procuramos que sexa o mínimo posible", explica Marta.

Os botes da crema están etiquetados en galego e irán acompañados dunhas bolsas únicas e irrepetibles. Están feitas cunha tea de algodón fabricada por unha empresa da Coruña que pechou hai 60 anos. O responsable de Creaciones Gaspar, de Monterroso, atopou unha peza en Celanova e gardouna para este pedido tan especial de Muuhlloa. A bolsa leva o nome bordado e pecha cun cordón da cordelería histórica da rúa San Pedro de Lugo.

É difícil ser máis autóctono, pero por se non queda clara a procedencia do produto, será presentado o sábado, ás 12.30 horas, no castelo de Pambre, en Palas de Rei, nun acto onde tamén soará a canción que o grupo Os Fresquiños compuxo para a ocasión.

Pero a aventura só está empezando. "Queremos cooperar con outras empresas ecolóxicas para facer cosmética, por exemplo, con algas. Tamén queremos recuperar as plantas autóctonas que as nosas avoas utilizaban porque tiñan propiedades. Son dúas novas liñas nas que imos traballar no futuro", explica Chusa Expósito.

Levan 15 anos muxindo e sachando e pensan que "é hora de dignificar o noso traballo aproveitando con novas iniciativas as materias primas de calidade excepcional que temos". A semente da ilusión sempre prende.

Granxa Maruxa e Milhulloa únense para producir cosmética autóctona
Comentarios