Grándula

Os mercados andaban o domingo tensos coa broma de que un partido grandilocuente gañase en Atenas. Todos sabiamos que os altos voos tanxentes no comunismo de Syriza darían nunha suave aterraxe socialdemócrata no caso de vencer. Por iso, eu prefería que gañasen. Suporía unha interrupción nunha secuencia.

O mesmo domingo Odisea botaba un documental sobre o cerebro inconsciente. Un investigador australiano sometía uns adultos a unhas probas matemáticas sinxelas. Demostraba que, se resolvemos unha secuencia de operacións dun xeito, acabamos mecanizando a lóxica e aplicándoa a calquera dificultade semellante que se nos presente. Xa que logo, a alternancia Nova Democracia-Pasok acaba provocando que os financeiros internacionais e mais Merkel continúen aplicando as mesmas solucións aos mesmos problemas. No caso dos primeiros, é compra de euros confiando no revivir da moeda a medio prazo. No caso da segunda, aforro radical en todos os seus países satélites.

O científico australiano trataba de anular esa glándula que nos predispón a actuar sempre do mesmo xeito diante dunha situación que cremos idéntica. Quizais o cerebro inconsciente da presidenta alemá respondeu ata o de agora ao benestar achegado pola certeza do tantra que lle aprenderon os asesores. A mudanza grega, sumada á recondución de Obama, puido ser ilusionante.

Comentarios