Grandes expectativas

Viño de Chantada.
photo_camera Viño de Chantada.

OS VIÑOS de Chantada son un negocio, pero, sobre todo, unha expectativa. Esta semana conversei con adegueiros de Sabadelle, Nogueira e A Sariña. Todos eles ían avanzando no discurso de futuro que trazaban para as súas marcas e acaban no mesmo centro do rueiro: debemos organizar unha serie de actividades arredor do viño para converter esta zona nun polo turístico. Nada falta: un clima razoablemente agarimoso, unha paisaxe que fascina a cada volta da estrada, un patrimonio artístico lampexador e unha gastronomía aceptable que vai subindo continuamente de nivel no caso do viño.

A Ribeira chantadina sempre me devolve ao pasado. Non por morriña dos anos 90, que tamén, senón porque ese mesmo programa de propostas de artellar visitas sobre o poliedro de emocións viñedos-románico-viño-xantar- catamarán levo vinte anos escoitándoo.

Intentos houbo. Seica o Viñobús marchou ben. Foi achegando persoas interesadas, aínda que había queixas de que o prezo, máis barato cós vehículos en ruta ordinaria, era aproveitado por público de toda caste. Agora o Kilómetro 0 reaviva turisticamente a bisbarra. Pero o turismo que hai está, nomeadamente, formado por comandos itinerantes de amantes do viño e das outras formas de cultura que chaman pola súa conta e polo seu risco organizativo ás adegas para que llelas ensinen e, xa de estar, lles asen un cabuxo.

Cóntase, sobre todo, coa boa disposición dos adegueiros para dedicar o seu lecer a pasear visitantes polas súas instalacións e por ir recomendando o catamarán ou un restaurante a uns viaxeiros que chegan a eles remitidos por unha casa de turismo rural. Aínda avanzamos un grao dende as sinais de fume e mesmo hai recomendacións que se fan a través de aillados correos electrónicos.

A zona avanza sostida de animación. Chega un firma de prestixio dende fóra, lease Robert Parker ou Gerry Dawes, e sentenza o que xa sabemos, que a lousa e o granito da zona xunto coa orografía e a dedicación dos adegueiros están obrando marabillas. «Non hai enólogo francés que non queira ter unha marca da Ribeira Sacra no currículo», asegurábame o outro día Roberto Regal, un sabio tan chantadino como novo.

Se Parker ou Dawes tivesen probado aqueles caldos mastigables e manchóns que se producían a esgalla na comarca hai varias décadas se cadra apreciarían aínda máis o camiño percorrido e o esforzo aplicado.

O problema é que as inmensas posibilidades das que nos falan sempre os chantadinos do sector, as loubanzas a Kilómetro 0 e á promoción que realiza a asociación Lugo Sur dan a sensación de que van continuar adormentadas outras dúas décadas. «Acabaron os cartos e parece que acabou todo», queixábase un adegueiro o outro día. Acabar non acabou, porque as viñas, as igrexas seculares e a vontade renovada aínda continúan vivas e coleando.

Comentarios