Sábado. 18.11.2017 |
El tiempo
Sábado. 18.11.2017
El tiempo

A grande cadea

Porque "moitos manteñen (..) que 'a ciencia non puido explicalo todo', sen deterse a pensar nos enormes avances que tiveron lugar dende Lord Kelvin ou James Clerk Maxwell. E é que o feito de que a ciencia non descubrira algo non implica que non poda facelo

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HAI IDEAS que construíron o noso mundo e case que ninguén identifica. É o caso da "gran cadea do ser", que estudou Arthur O. Lovejoy na obra fundacional da historia das ideas. Lembro a miña lectura e como ía quedando parvo ao ver recollida nunha soa idea a cosmovisión dos meus devanceiros: de Deus ao protozoo pasando polo home, todo un mundo ordenado coma se fose o esquema inicial do Dicionario ideológico de Julio Casares.


A idea da escala na natureza deixou hai tempo de ter connotacións relixiosas entre os intelectuais, pero a procura dunha orde superior está moi presente, como se pode comprobar na última obra de Peter Watson: Convergencias. El orden subyacente en el corazón de la ciencia. Publica Crítica, coma sempre con este autor, o mellor divulgador da historia das ideas que eu coñezo. A súa obra ten aparecido nestas mesmas páxinas en varias ocasións e hai que realizar unha advertencia: se seguiron os meus consellos e leron a imprescindíbel Historia intelectual del siglo XX, moito do que atoparán aquí non lles ha sonar novo.

Watson é un historiador excelente: coñece o material e é quen de mesturar os logros da ciencia con pinceladas descritivas que humanizan ao personaxe, por exemplo a afección de Niels Bohr polo tenis de mesa ou a incidencia da merda de pomba no descubrimento dos primeiros bruídos do Big Bang, descubertos por Arno Penzias e Robert Wilson a mediados dos sesenta. Nesta obra dá un paso máis e aposta por relatos cruzados que amosan o proceso que tende a unificar o traballo científico xa dende finais do século XIX.

A idea de unidade da ciencia é un vello desexo dos científicos. Non outra cousa procuraban Bertrand Russell e A.N. Whitehead cos seus principios da matemática ou Bohr coas súas teorías sobre complementariedade estendidas mesmo ao eido do político. E o certo é que a unión de certas disciplinas —física, química, matemáticas, bioloxía— desenvolveuse a toda velocidade no século pasado, pero iso non achegou a elas outras disciplinas como as ciencias da linguaxe ou a historia. E de feito na obra de Watson podemos observar unha clara fenda entre os feitos recollidos na primeira metade do libro e as hipóteses que dominan a segunda metade, relacionadas con lingüística, historia, clima ou arqueoloxía.

De feito, podería dicirse mesmo que esta pretensión de unidade tivo un efecto negativo, xa que dende o terreo do escepticismo acusouse á ciencia de procurar a unidade para crear unha nova relixión, a do progreso, tan falsa como a baseada en deuses e que aínda por riba non ofrecería consolo espiritual. Moitos manteñen tal visión en base a aquilo de que "a ciencia non puido explicalo todo", sen deterse a pensar nos enormes avances que tiveron lugar dende Lord Kelvin ou James Clerk Maxwell. E é que o feito de que a ciencia non descubrira algo non implica que non poda facelo: se só coñecemos, como di Stephen Hawking, arredor do 3% do universo, iso non exclúe a posibilidade de chegar a pescudar no outro 97%.

Malia todo nesta ocasión si se pode facer unha emenda a Peter Watson. Terreo para a converxencia hai pero na metodoloxía e o big data. Teño serias dúbidas de que nas vindeiras décadas se produzan achádegos que relacionen, por exemplo, lingüística e antropoloxía ata producir unha cronoloxía humana unificada. Pero o procesamento de datos seguirá a mellorar e rachará barreiras estúpidas e, sobre todo, o método científico seguirá a impoñerse á hora de facer calquera investigación, sexa de teoría literaria ou de xeoloxía. As converxencias non chegarán no qué senón no cómo: non crearemos unha grande cadea do científico senón unha enorme rede de científicos para avanzar no século XXI.

A grande cadea