‘Gran Lugo de nebra’ cumple el sueño del Uxío Novoneyra inédito, olvidado, disperso y lugués

«Ás veces canta o Norde / unha pasión de lonxes / i as murallas pechando un gran Lugo de nebra / pechando abertas...». ‘Gran Lugo de nebra’ é un poema inédito de Uxío Novoneyra que o poeta do Courel quixo que fose máis ca iso. Alvarellos Editora cumpre agora o soño de Novoneyra, que xa nos anos 80 do século pasado quixo reunir baixo o título ‘Gran Lugo de nebra’ toda a súa obra relacionada coa cidade: inédita, esquecida, dispersa e definitivamente luguesa.

O volume foi presentado onte na galería Sargadelos de Lugo ante a presenza da viúva de Novoneyra, Elba Rei, e coa participación do pintor lugués Blas Lourés, amigo do literato e que achegou obra gráfica nova para a edición de ‘Gran Lugo de nebra’. O libro conta tamén con reproducións de pinturas de Tino Grandío e cunha introdución a cargo da profesora Pilar García Negro.

Conta o editor, Henrique Alvarellos, que para unha persoa coma Novoneyra, procedente de Parada do Courel, baixar á cidade, «mesmo a unha urbe posrural como Lugo», foi un cambio drástico. Lugo está xa, no ano 1955, nos primeiros escritos en galego do poeta —nuns versos sobre o San Froilán publicados en Vida Gallega— e a escolma remata en 1999 no instituto Lucus Augusti. «Un dos últimos actos públicos aos que asistiu Novoneyra antes do seu pasamento», di Alvarellos.

O poema ‘Gran Lugo de nebra’ ten unha cara B. Un escrito no reverso do folio no que Novoneyra reflexiona sobre a atracción mítica que exerce a cidade bimilenaria sobre poetas como Celso Emilio Ferreiro ou Méndez Ferrín.

O editor está certo de que se trata de cinco décadas de relación entre Uxío Novoneyra e Lugo, a cidade onde cursou o bacharelato e coñeceu «a columna vertebral» dos seus referentes: Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega e Luis Pimentel, a quen Novoneyra dedicou unha elexía que está recollida en ‘Gran Lugo de nebra’.

Outro dos textos recuperados é un poema escrito co gallo dunha homenaxe ao profesor lugués Tino Prados, falecido en 1981, e só fora impreso nun tríptico que a Asociación de Guitarristas Galegos editou polo cabodano de Prados.

Lugo, asemade, foi unha cidade de amizades fondas para o courelao: a de Tino Grandío e a de Blas Lourés; este último viviu co poeta en Parada unha tempada durante os anos setenta. Henrique Alvarellos quere reivindicar o excelente estado de forma de Lourés, quen
participou con dous óleos de 2009 nos que inmortaliza a muralla e aínda non exhibidos.

Pilar García Negro achega na súa investigación unha carta que o poeta que foi homenaxeado este ano co Día das Letras lle enviou a Ramón Piñeiro en 1960. «Lugo foi a cidade na que comecei a durmir ben», confesa un Novoneyra que atopa acougo ao pé da muralla. Este documento epistolar chegou da man do profesor Luis Cochón, que foi compañeiro de piso do mozo Uxío nos anos sesenta.

O Concello e a área de Cultura da Deputación de Lugo participaron da edición de ‘Gran Lugo de nebra’, un libro incluído na colección Rescate de Alvarellos. O editor avanza xa que ‘Viaje a Lugo’, con textos que Álvaro Cunqueiro lle dedicou á capital provincial, será o vindeiro título obxecto de rescate pola editora.

Comentarios