Graffiti

SOCIÓLOGOS, psicólogos, pedagogos, concelleiros de urbanismo, policías locais e dos outros, aseguradores, fabricantes de produtos de limpeza, vendedores de sprays de pintura, directivos de asociacións de veciños, presidentes e administradores de fincas urbanas, vixiantes xurados e quen sabe cantas persoas máis en todas as partes do mundo, cada certo tempo falan, opinan, discuten, teorizan, escriben libros, esixen, aconsellan, pronuncian conferencias, pontifican en tertulias televisivas e radiofónicas coa moi loable intención de procurarnos explicacións sobre as razóns que levan a moitas persoas a facer o posible por deixar constancia gráfica, e case sempre nominal, da súa presenza en determinados lugares, sobre todo naqueles que son moi transitados ou resultan especialmente exóticos e afastados.

Non sei se poderían entrar no mesmo fardel o corazón ferido pola frecha de Cupido flanqueado polos nomes dos namorados e gravado a navalla no tronco dunha árbore, os aforismos escatolóxicos do tabique dos servizos públicos e a elaborada sinatura que identifica ao moderno ‘graffiteiro’ diante dos seus iguais, mais a verdade é que nada novo hai —fóra das formas, que mudan cos tempos e mais coa ferramenta— nese interese por transcender escribindo nos muros dunha igrexa románica, no teito dunha cova con estalactitas ou na pena que hai no curuto da montaña a escasamente orixinal mensaxe: «Fulano estivo aquí», seguida, ás veces, da data na que se produciu tan transcendental acontecemento e o lugar de orixe do intrépido viaxeiro, capaz de camiñar, armado de rotulador, bolígrafo, lapis ou punzón, os cento trinta e dous metros que separan o lugar da inscrición do sitio no que houbo que deixar aparcado o automóbil.

Partindo desta realidade hai anos que a min se me ocorrera unha idea para facer diñeiro a conta de tan estendido afán, idea que fun deixando pasar unha e outra vez e que agora xa me colle de vello pero que, se cadra, outros máis decididos e intelixentes poderán explotar. A cousa consistiría en chegar a un acordo con algunhas das máis acreditadas axencias de viaxe —agora habería que valerse tamén moito da internet— e ofrecer un servizo de inscrición de sinaturas. Por un prezo que oscilaría de acordo coa distancia, o punto elixido e as circunstancias xeopolíticas e que cumpriría repartir entre mediadores e mensaxeiro, presentaríase un catálogo de ofertas consonte aos datos de reservas da axencia para que calquera que desexase figurar nun lugar determinado, puidese encargar, coa garantía por escrito da empresa e previo pagamento do estipulado, a unha das persoas que ían ir até aló que escribise o seu nome, data e cidade de residencia con claridade e digna caligrafía.

Suponse que quen pretendese aparecer escrito na base dun Moai da illa de Pascua, unha pena do monte Rushmore, algún monumento de Petra ou unha laxe de Mitad del Mundo, por dar algúns exemplos, tería que se responsabilizar das posibles penalizacións ás que se arriscase o mensaxeiro, visto que estoutro día cacharon a un militar xordano ‘grafiteando’ na Alhambra de Granada e, polo que a prensa di, o fulano vai saír quente abondo.

Con todo, a idea queda aí. É certo que o cliente dificilmente poderá saber se foi correctamente executada a súa encarga, pero sempre lle quedará o certificado. E a ilusión.

Comentarios