Goya, onte e hoxe

Dúas exposicións en Madrid, unha na Biblioteca Nacional e a outra no Prado reflicten a desesperación de Goya ante a triste situación da sociedade española no século XIX. O país debatíase entre a causa dos liberais, que querían modernización e achegamento a Europa, e os absolutistas, que pretendían manter un status quo ancestral que reservaba tódolos privilexios á nobreza e o clero, e condenaba ao pobo á miseria. A guerra napoleónica, como calquera outra guerra, non mellorou a situación. Ao seu termo, o rei Fernando VII, un dos máis nefastos, antipáticos e ata feos na historia de España, embarcou ao país nunha fase involucionista que incluíu, a petición dos bispos, a restauración da Inquisición. Gran parte do mundo Occidental estaba dando grandes pasos na industrialización e a modernización; Inglaterra levaba xa unha longa traxectoria cun sistema político parlamentario, e os Estados Unidos estaban nacendo, dotándose dunha constitución, aínda hoxe en vigor, que establece os principios da democracia e a igualdade dos cidadáns. Mentras, España atopaba o seu destino en perseguir aos liberais -condenados por afrancesados e traidores- e a recompilar listas de libros prohibidos por razóns políticas ou relixiosas. Non é de estrañar que Goya pintase escenas abraiantes, como a de dous homes que se enterran na area ata os xeonllos para logo desangrarse a garrotazos, ou Saturno que ten devorado medio corpo do seu fillo, simbolizando como a patria tamén aniquila aos seus mellores homes.

En douscentos anos España sufriu un cambio radical, como o comproban os miles de visitantes, nacionais e estranxeiros, que estes días achéganse a Madrid a admirar a obra do pintor aragonés. Atópanse cunha moderna capital, á altura das mellores de Europa. As  recentes e espléndidas ampliacións dos museos do Prado e Raíña Sofía, así como a apertura nun lugar próximo do centro CaixaForum, e a xa consolidada oferta do Thyssen, suponen unha das máis completas ofertas culturais do mundo e unha excelente carta de presentación dun país que deixou atrás, na meirande maioría, a cerrazón ideolóxica para situarse á vangarda da sociedade global. Quen pode pensar hoxe nun rei que goberne derrogando a constitución democrática, unha igrexa que estableza o que calquera cidadán pode ler ou non, ou unha sociedade na que a educación esté reservada ás clases altas. Para chegar ata aquí, foi necesario que homes como Goya e tantos outros, que ata pagaron coa súa vida, imaxinasen que era posible outro tipo de país. Por iso resulta incomprensible que algúns, evidentemente unha minoría, aínda boten de menos a caverna.

Comentarios