Gonzo: ''Rajoy no hablará de los sobres ni con su propio psiquiatra''

P ¿Naceu así ou adestrou para ser tan atrevido preguntando?
R Non é que eu teña cara; nin fago ningún esforzo para preguntar. Desde pequeno sempre fun crítico á hora de escoitar as noticias. De feito, na casa dos meus pais sempre se comentaban en alto opinións mentres viamos o Telediario. Algo xa viña da miña forma de entender a vida, pero ás veces si que teño que facer un esforzo para non botarme atrás e insistir preguntando.
 
P ¿Como definiría o seu traballo: humorístico ou xornalístico?
R Gustaríame que a xente entendese o meu traballo como xornalismo. O que pasa é que na tele sempre traballei en programas cun alto sentido do humor. Pero hai un xénero do xornalismo que é a sátira e iso é o que fago eu.
 
P ¿Veríase capaz de facer falar a Mariano Rajoy dos sobres?
R Non. Rajoy disto non falaría nin co seu psiquiatra [ri]. Cando eu traballaba no Caiga quien caiga, el estaba na oposición e era moi dado a falar. Incluso sentei a carón del nunha merendola destas que monta o PP en Galicia e puiden entrevistalo en varias ocasións. Pero desde que estou en El intermedio e sobre todo desde que goberna, nunca me contestou. Por iso me temo que non vou poder facer nada. 
 
P ¿De cal das súas reportaxes se lembra con máis simpatía?
R A que quizais tivo máis repercusión foi a de Ana Botella. Perseguímola indo á perruquería en coche oficial e foi unha reportaxe importante para consolidar a miña sección no programa.

P Moitas veces quixeron pegarlle mentres traballaba. ¿Fóra do horario laboral tamén lle pasa?
R Non moito. Ás veces míranme con mala cara, pero pouco máis. Parece máis do que realmente é.
 
P ¿Tería cabida hoxe na TVG?
R Supoño que non. Tampouco sei como traballan porque non a podo ver. Tiven ofertas de produtoras e cando presentaron o proxecto na canle autonómica dixeron que non. Así que penso que non lles interesa.
 
P ¿Veríase nalgunha outra canle que non fose La Sexta?
R Vendo a tele que se fai estou na que me sinto máis cómodo. 
 
P Tal vez porque algo ‘sociata’ si que é, ¿non?
R Non, para nada. Se de min de-pendesen os contidos, meteríame con todos. Recoñezo que me interesan máis as ideas esquerda, pero eu nunca votei o PSOE.

''Si fixen trampas. Copiar nos exames foi na que eu fun máis reincidente''

P Diga a verdade: ¿fixo trampa algunha vez?

R Si. Copiando nos exames. Esa foi a máis reincidente das trampas que eu fixen.

P O peor que fixo nun ataque de xenreira foi...

R Non teño moitos... Diríache que nada que non se puidese solucionar 20 minutos despois pedindo desculpas.

P ¿Levou algo sen pagar?

R Unha vez collín unha revista e unhas pilas en El Corte Inglés. Tiña 14 anos e ao día seguinte ía de excursión. Ao final pilláronme e todo quedou nun intento de roubo.

P Fáiselle a boca auga...

R ¡Ao pensar nas vacacións! En estar nas Rías Baixas unhas semaniñas.

P A preguiza vénceo...

R ¡Vénceme moitas veces! [ri]. Sobre todo os luns.

 

Comentarios