Gonzalo Varela: "Terá que haber unha restruturación porque hai una esaxeración de misas"

O novo sacerdote considera que debe haber unha coordinación entre todos os grupos parroquiais para que a igrexa ribadense funcione mellor
Gonzalo Varela Alvariño
photo_camera Gonzalo Varela Alvariño

GONZALO VARELA ALVARIÑO, natural da parroquia de Roás, en Cospeito, fala das necesidades que ve na igrexa e o futuro do culto logo da súa chegada a Ribadeo.

Deu hai dous domingos a súa primeira misa na vila. Cales van ser os seus retos ou pasos como sacerdote en Ribadeo?
O máis importante agora é intentar crear comunidade. Esa é a misión principal dun párroco, unir á xente, axudala a ser mellor cristián. A min non me preocupa que haxa máis ou menos xente, a min o que me preocupa é que os veciños de Ribadeo sexan mellores cristiáns. Temos que dar o paso dunha igrexa tradicional, conservadora no sentido de manter ao que hai, que iso non o imos poder porque somos un montón de parroquias, a unha igrexa que anuncia o Evanxelio. Hai que ir ó esencial.

Comenta que é necesario facer cambios. Teñen pensado seguir mantendo a frecuencia das misas?
Dos horarios das misas non lle podo dicir nada, son os que están. Terá que haber unha restruturación porque hai unha esaxeración de celebracións e de culto. Pero non o podemos facer ata agora porque eu non coñezo o funcionamento da parroquia. Pero dende logo o culto non é o principal, hai outras cosas máis importantes, como a evanxelización, o contacto coa xente...As misas só son unha parte, pero aquí están esaxeradas, parécenme moitas misas e non sei se as igrexas están sempre cheas; pero paréceme moita misa para pouca xente.

Como van seguir as actividades da parroquia: catequese, os grupos de Cáritas ...?
En todas as parroquias hai un grupo moi importante de persoas que colaboran, e é importante que haxa unha coordinación entre todos os grupos, que uns saiban o que fan os outros. A catequese é importante, pero tamén teñen que implicarse os pais cos nenos, ensinala na casa. Tamén o é o compromiso de Cáritas, da igrexa cos pobres. Este compromiso é o banco de probas da nosa fe. Outro grupo importante é o da liturxia, da celebración da fe: as persoas que fan as lecturas, que cantan, que limpan as igrexas...

Na universidade teño contacto con xente nova e iso axuda a ver as cousas de xeito diferente a como as vería se non tivera esa relación

Que agarda do seu traslado a Ribadeo?
Penso que é para aquí para sempre. Veño para acompañar os cristiáns de Ribadeo, á Igrexa, para dar o mellor que sexa capaz de dar e axudar en todo o que poida.

O seu labor como párroco compaxinaráo co labor de docente en Salamanca. Que lle aporta esa adicación como formador?
Para min o contacto cos universitarios é un alicente, esíxeme estudar, ler, preparar as clases... Na universidade teño contacto con xente nova e iso axuda a ver as cousas de xeito diferente a como as vería se non tivera esa relación.

Tivo unha estancia en Roma durante dous anos. Que significou para vostede esa etapa?
Estiven dous anos e medio facendo unha especialidade en Teoloxía Moral, que é o que ensino agora en Salamanca. A experiencia de Roma foi moi interesante porque alí encóntraste con cristiáns de todo o mundo. É o máis universal e cosmopolita que temos. Aparte de entender o idioma e como funciona a igrexa alí o máis interesante é a relación cos sacerdotes cristiáns, que dá unha visión máis global da igrexa.

A comunicación tamén é unha parte da traxectoria, pois ten experiencia como director da páxina da diócese.
Si. Fun afeccionado ao xornalismo. Empecei a páxina oficial da diócese en internet fai como uns 15 anos. Sempre me interesou a comunicación. Por exemplo polo que respecta a Dumio, que é unha publicación diocesana, o director dos catro primeiros anos fun eu. Por dicilo dalgunha maneira,o que negociara coa publicación fun eu. Pero xa non é un cometido meu, posto que hai un equipo máis profesional.

Comentarios