Gonzalo Teijeiro Abelleira

O zoqueiro de Duarría. AEP
photo_camera O zoqueiro de Duarría. AEP

Naceu na Casa do Catadoiro de Duarría, no mes de maio de 1929; era o máis novo dos fillos de José Teijeiro e Dolores Abelleira. Sendo un neno, con menos de dez anos, aprendeu o oficio de zoqueiro das mans dos seus irmáns Paco e José Manuel (o seu padriño, finado no frente do Ebro en 1938).

No ano 1951 fixo o servizo militar na Coruña, contraendo matrimonio anos máis tarde con Sara González, do barrio de Paderne (Duarría), con quen tivo un fillo: José Fernando Teijeiro González (empregado de Serfuja).

Na súa casa de Paderne, compaxinou o seu traballo de gandeiro e agricultor co de zoqueiro, labor que desenvolvía polas noites ou nos momentos libres. Enviaba cada poucos días no autobús á cidade de Lugo as zocas que elaboraba, chegando a crear un estilo propio coa elaboración das 'zocas de risco de roda'. Estaban afumadas con xestas e con casca de bidueira ata tinguilas de negro e bañadas con cera de abella para despois seren riscadas en forma circular e con debuxos, que posteriormente serían usadas nas hortas de Lugo polas señoras que mercaban ‘as mellor feitiñas’. Chegou incluso a facer zocas de risco de roda pequenas, de uso decorativo, para o que usaba ferramentas especiais de reducidas dimensións. Deixou de vender zocas para Lugo a mediados da década dos 80, para adicarse a facelas brancas para el e os achegados.

Ademais de ser o derradeiro zoqueiro de Duarría e da contorna, Gonzalo era unha persoa moi afectiva, extrovertida, moi falador e sempre cun sorriso na cara. Os seus restos mortais descansan no tanatorio de Castro de Ribeiras de Lea, onde serán velados ata o sábado, cando serán inhumados ás doce e media da mañá no cemiterio de Duarría.