Gómez Torres hace un ensayo sobre el pintor Macía por las emociones que le despierta

Xosé Otero Cando, Miguel Anxo Macía, Camilo Gómez Torres, Matilde Herrero e Henrique Alvarellos (Foto: PEPE ÁLVEZ)
photo_camera Xosé Otero Cando, Miguel Anxo Macía, Camilo Gómez Torres, Matilde Herrero e Henrique Alvarellos (Foto: PEPE ÁLVEZ)

O exprofesor de Literatura no instituto Lucus Augusti de Lugo Camilo Gómez Torres dedicou un ensaio a estudar a vida e a obra do pintor Miguel Ángel Macía «polas emocións» que lle espertaba a súa obra. O volume ‘Cores para alumiñar soños’, editado por Alvarellos, foi presentado onte na galería Sargadelos de Lugo.

Gómez Torres centrou a ollada en Macía, «en representación dos artistas lucenses, porque non podía estudar a todos». O motivo da escolla é que «é un gran pintor, cunha obra ampla». Engadiu que «leva moitos anos experimentando e madurando humana e artisticamente sen facer brincos». A base sobre a que se asenta esa «evolución lóxica» é unha «gran formación técnica» que foi adquirindo acudindo a clases en Lugo e estudando Belas Artes en Valencia, un proceso que culminou co doutorado en Madrid.

Sobre os seus profesores indica que «sabía que eran bos pintores, pero non acertaron a transmitirme todo o que sabían de pintura. Dei cun valenciano, Esteve Adam, e, en cinco días, me aprendeu todo o que non me aprenderan outros».

Esa formación sólida non o apartou dunha continua experimentación, que o levou avanzar «dende o realismo a un expresionismo fauvista con algúns momentos de clasicismo no debuxo».

O exdocente comenta que «os cadros de Macía transmítenme emocións, desacougo; a súa pintura transmíteme moito».

Esa estrutura de mesturar realismo no trazo e expresionismo na cor «casa moi ben» porque o artista establace un soporte no que amosa o cultivo teórico que realizou durante anos para liberar «a emoción cromática que explota en cores que non realistas».

Partes

Camilo Gómez Torres dividiu a súa investigación en tres partes: unaha biográfica, outra profesional e unha terceira na que reflicte tanto os galardóns que premiaron o traballo de Macía como unha escolma da súa pintura. Ese texto foi armando grazas a internet, libros e moita conversa co protagonista do libro. «Eu preguntáballe polo que sentía cando pintaba cada obra, polas súas sensacións e explícase ben porque ten unha alma de poeta, que reflicto con algúns das súas creacións literarias no libro», indica o exdocente.

O autor do ensaio quixo remarcar a forte vocación que está tras os 37 anos de carreira de Miguel Ángel Macía, dende 1975, cando fixo a primeira exposición, ata a actualidade. Gómez Torres lembra que «cando tiña doce anos fixo un estudo no faiado da casa, montou un cabalete e as súas pinturas, e empezou a comportarse coma un pintor porque iso é o que decidira ser: ía ás exposicións e falaba cos artistas».

Proxecto

O propio artista confirma ese comentario de Gómez Torres indicando que «daquela descubrira que non se me daba mal a pintura e procurei un proxecto a longo prazo».

«Hai cidades que valoran máis as artes plásticas, pode que en Lugo se valoren máis aos escritores», apuntou cando se lle sinala a percepción de Camilo Gómez Torres de que os creadores plásticos lucenses acadan un recoñecemento relativo na súa cidade».

Miguel Ángel Macía amosouse convencido de que lle resta por facer «a obra máis fermosa», polo que a súa ambición para os tempos vindeiros que lle acheguen «momentos de inspiración que me permitan facer boas obras».

Na presentación interviron, a maiores de Gómez Torres e Macía, o editor, Henrique Alvarellos, e os profesores Maite Herrero e Xosé Otero Cando.

Comentarios