miércoles. 27.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.01.2021
El tiempo

Gómez Pato recibe en Guitiriz o premio Díaz Castro de Poesía

Polín, Gómez Pato, Castro, Fernán Vello, Alfonso Blanco, Requeixo e Raúl Río, na presentación
Polín, Gómez Pato, Castro, Fernán Vello, Alfonso Blanco, Requeixo e Raúl Río, na presentación
Espiral Maior editou ‘Máscaras de espellos’, elixido por unanimidade polo xurado

A Casa Habanera de Guitiriz foi onte, máis ca nunca, a capital da poesía. Ante numeroso público e nunha sala adornada cos versos e os debuxos da exposición ‘Imaxinando Cantares Gallegos’, o Concello de Guitiriz clausuraba o I Premio Díaz Castro de Poesía coa presentación da edición da obra gañadora ‘Máscaras de espellos’, do ourensán Raúl Gómez Pato.

O escritor, tradutor e profesor de Latín e Grego afincado en Brión amosouse «tremendamente halagado» e «moi reconfortado» por unha distinción concedida «no que debe ser o país do mundo que máis poetas ten per cápita» e agradeceu ademais a convocatoria do certame, dotado con 2.000 euros, non por ser el o distinguido, senón porque «perpetúa a memoria dunha figura sobranceira».

Gómez Pato, que presentou a súa obra a través de catro poemas, ‘Signos’, ‘Pan’ e os dous últimos, ‘Máscaras de espellos e ‘Circo’, desexou tamén «que se manteña o premio no futuro», unha arela que veu cumprida no momento.

A alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín confirmou no peche do acto a convocatoria da segunda edición, nuns prazos similares á primeira -presentación de obras ata o Nadal, faio ao redor do 19 de febreiro, data de nacemento do poeta-, adiantando que as bases se farán públicas en breve.

Regina Polín adiantou que haberá segunda convocatoria deste certame, cunhas bases que se farán públicas en breve

Polín convidou ademais ao xurado a repetir experiencia. Os encargados e elexir, por unanimidade, ‘Máscaras de Espellos’ entre as 61 obras presentadas foron Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Miguel Anxo Fernán Vello, responsable tamén da edición con Espiral Maior.

O editor, que exerceu de voceiro do xurado, salientou a «gran capacidade de creación de imaxes» do autor, cuxo poemario, unha colección de «de tercetos cunha absoluta modernidade na súa sustancia poética», supón «un excelente comezo para este premio».

Fernán Vello agradeceu tamén a «sensibilidade cultural e literaria» de Polín por ter impulsado este premio e destacou a xornada coma «unha celebración da vida e da poesía de Díaz Castro», sen esquecerse de felicitar ao colectivo que pode perpetuar o seu legado, Nova Poesía Guitirica, do que tamén se lembrou outro dos poñentes, o xornalista Man Castro, parente de Díaz Castro, quen reivindicou as súas raíces vilaregas.

El e Luis González Tosar, amigo de Díaz Castro e gran coñecedor da súa obra, que tildaba na data de onte de «epifanía da poesía, de Guitiriz e da Chaira», completaron as intervencións da clausura desta primeira edición do premio.

Gómez Pato recibe en Guitiriz o premio Díaz Castro de Poesía
Comentarios