Golpes na porta

O pasado 30 de agosto tiven a fortuna de asistir na Coruña á representación da ópera de Verdi ‘Macbeth’, baseada no texto homónimo de Shakespeare. Se ben é certo que o libreto de Francesco Maria Piave non alcanza a fondura do orixinal, o xenio de Verdi potencia o drama até o límite. As voces do barítono Zelkjo Lucic no papel de Macbeth e da soprano Maria Guleghina no de Lady Macbeth, axústanse ás mil marabillas ás indicacións do compositor: cantar «en voz baixa», «con exclamacións», «con voz baixa e cavernosa», entendo que para significar a baixeza das paixóns que os dominan. Mais eu pouco sei destas cousas e non vou abundar en comentarios que, en todo caso, terían que ser roubados porque, no que a música se refire, son unha simple melómana iletrada. Se fago mención desta obra é porque, unha vez máis, o clásico inglés serve para reflexionar sobre un tema de actualidade, de triste actualidade, o da ETA asasina cruel e desapiadada, a invalidar co das armas todos os seus argumentos.

Tras o premeditado asasinato de Banquo a mans de Macbeth (inducido pola súa muller, para seguir na misóxina tradición de atribuír todos os males a Eva), escóitanse uns golpes na porta. Deixando á parte as moitas interpretacións que se teñen dado destes golpes,
eu quero velos como o comezo do remordemento, porque é o instante en que os esposos se deben enfrontar co que acaban de facer. A pantasma de Banquo perseguirá ao seu executor e, ao final da obra, ficará clara a inutilidade da violencia. Os remorsos, aparezan
a xeito de pantasma ou con calquera outro rostro, son o normal mesmo en personaxes que, aínda sendo de ficción, responden á psicoloxía humana. Cando non é así, temos que pensar que se trata de feras. Por iso me pregunto se os etarras escoitan golpes na porta
tras as súas celebradas maldades. É grave se os escoitan e non lles fan caso; pero aínda é peor se, endurecidos no odio, non os alcanzan as voces do sangue derramado. O de Banquo non é o derradeiro dos asasinatos de Macbeth malia a culpa que o persegue. A ambición lanzouno por un camiño sen volta e non freará até que o exército do fillo supervivente do rei lle dea morte.

Só a morte da ETA (da ETA, non dos etarras, porque se pensamos doutro xeito somos coma eles), só a morte da ETA, repito, lle porá fin a tanto desatino. Ela é a Lady Macbeth a instigar o crime. Non quere entender que ningunha patria merece que vertamos por ela máis sangue que o propio, que ningún ideal vale tanto como a vida dos outros, que quen asasina pertence ao reino da morte e xa non ten outra patria que as sombras.

A nós, cidadáns de a pé, só nos queda a impotencia, a rabia… e os puños para, como o porteiro bébedo do Macbeth, petar na porta mesmo até sangrar. 

Comentarios