Gocemos deste ''fantástico'' momento

A BOTÍN chóvenlle cartos. Mentres a millóns de cidadáns méxanlles enriba, ao banqueiro máis poderoso de España cáenlle billetes do ceo. Porque aínda que ao país chegue diñeiro «por todas partes», como opina o xefe do Santander, a maioría dos mortais que abondo fan con resistir mes a mes apenas ven euros. Con millóns de parados e necesidades perentorias é unha estacada nas costas da sociedade a euforia do estandarte dun sector que se levou recursos públicos a mancheas para sanearse, mentres o crédito segue sen fluír. É unha burla que o banqueiro desborde optimismo cando o esforzo das miles e miles de pemes que sosteñen o tecido económico do país bata contra as portas das entidades de aforro que el representa no baldío intento de obter financiamento. Cualificar de «fantástico» o momento económico de España é un escarnio. Ao final, coma sempre, todos xogan pero gaña a banca.

Comentarios