Martes. 21.11.2017 |
El tiempo
Martes. 21.11.2017
El tiempo

Gitanes, lolitas e tumbas

"Boa noite, son o chulo xudeo", adoitaba presentarse Sergé Gainsbourg nas noites do ano 1957 nas que tocaba o piano nun cabaret de París

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

A ÚNICA imaxe que veneraba Sergé Gainsbourg era unha aparente fotografía de Marilyn Monroe situada con solemnidade no seu salón. "A súa beleza xa non pode corromperse". O espido femenino descubrírao con 13 anos, sendo estudante da Escola de Belas Artes en París.

Asomara con cautela nunha porta entreaberta para sorprendeu unha modelo deixando caer sensualmente unha túnica azul ceo para comezar o seu traballo de pousado ante os alumnos. Aquela visión convidouno a entrar nun mundo novo, un mundo no que a beleza respiraba e daba respostas silenciosas a todas as preguntas sobre a vida dun adolescente.

Dende aquela descuberta non cansou de procurar mulleres espidas. Gainsbourg medraba e mesmo avellentou, pero mantivo o criterio de estético de optar por adolescentes, por lolycéennes —xogo de palabras entre a personaxe de Nabokov e a denominación das estudantes de instituto—.

GITANES
Sergé Gainsbourg rompía os espellos. Non lle gustaban. Nunca tiña un na casa. "O malo da fealdade é que dura máis tempo ca beleza". Ningunha muller, nin aquelas coas que se deitou durante anos, puido velo espido. Non lle gustaban os seus ollos de fumador de opio, nin o seu nariz rabínico, nin o seu corpo de tuberculoso. Todas as noites repetía o ritual de apagar a luz da dormitorio dez minutos antes deitarse, logo de perfumar os pés. Dende novo, soubo que, se quería conquistar lolitas debería ser el quen arriscase. Intentouno con Olga Tolstói, unha neta do escritor que se exiliaria en París como o resto da aristocracia rusa tras a revolta de 1917. Unha noite empezaron falando e acabaron desembocando nunha cama. Ela, nova de máis e virxe como as personaxes do seu avó, foi incapaz de controlar os nervios. Volveu vestirse atropeladamente e marchou. Un segundo de dar un portazo prometeu que volvería ao día seguinte. Sergé esperou ata exasperar.

Acudiu ao Pigalle, o barrio do pracer cotizado que se atopaba segundo se descendía de Montmatre. As mulleres que camiñaban pola rúa coa cadencia de excitar aos clientes nin consideraron aquel monicreque. Burláronse. Ao final, unha señora de fealdade incrementada polas décadas aceptou iniciar a aquel cativo que podería ser o seu neto porque non había moedas pesándolle no abrigo. Serge tampouco se espíu aquel día.

Nese tempo debutou tamén como fumador de Gitanes e non deixou de selo ata o último minuto. Cando os médicos lle reñían, contestaba: "Imaxina un orgasmo cada dous minutos?".

O futuro cantante era fillo dun músico e dunha soprano que escaparan de Ucraína porque aos bolcheviques tampouco lle gustaban os xudeos. Lucien Ginsburg comportábase como un alumno disciplinado e brillante no colexio, pero amosábase inquedo e rosmón nas clases de piano que trataba de impartirlle o pai. Lucien Ginsburg quería ser pintor. Fíxose chamar Sergé porque lle parecía máis serio e Gainsbourg polo pintor Gainsbogourgh. Con 18 anos pechou a porta da casa para convertirse en artista.

Non logrou cumprir o seu soño. "Nunca serei coma Bacon", asumiu nuns poucos meses. Sabía que posuía pulso e gusto abondos para ser un artista comentado nos centros de arte; pero eran insuficentes para ascender ata a categoría de xenio. Un mediodía cadroulle co pintor inglés Bacon nun restaurante. A devoción paralizouno para achegarse. Contentouse con pedir a un camareiro que levase o seu pano á mesa do creador famoso para que llo asinase.

Antes de resignarse á frustración, traballou como pianista en cabarets para pagarse o material dos cadros porque as vendas eran insuficientes. Malia esa renuncia, foi pintor ata a morte. Sufriu un infarto en 1973. Daquela xa vivía abandonado polo amor. Tivo a reacción de chamar a unha ambulancia. Os sanitarios chegaron con urxencia. Soamente o salvarían se o presentaban inmediatamente ante un cardiólogo. Cando ían subilo á padiola, protestou horrorizado pola cor do cobertor co que pretendía abrigalo o enfermeiro. Negouse a saír da casa mentres non o tapase cunha manta de cor castaño que o sanitario atoparía sobre a súa cama.

LOLITAS
Os escenarios nos que viviu Gainsbourg eran decorados e as mulleres ás que amou eran figuras. Abandonou a súa primeira muller, Elizabeth Levitsky, en canto empezou a gañar peso e perder tersura, no instante posterior a saber que non sería unha lolita conxelada nas próximas décadas. Elisabeth presentárao nas covachas nas que fumaban e se emborrachaban os surrealistas. Coñeceu a Beatrice, secretaria dun amigo de Dalí. Unha noite Beatrice levou a Sergé á casa do artista catalán en París. Gainsbourg tivo dúas revelacións: o pintor ampurdanés vivía nun museo e os museos eran habitables. Cando os seus éxitos musicais llo permitiron, comprou unha casa no número 5 da Rue de Verenuil. Baleirouna para pintala completamente de negro. Tapiou as ventás. Soamente deixou un tragaluz para que entrase un feixe de luz para facer brillar a foto de Marilyn. "Quero controlalo todo". Cada cousa doméstica tiña un lugar exacto e preciso. Jane Birkin, a súa muller para toda a vida, soportábao. As fillas, unhas nenas rebuldeiras, padecíano. A esixencia do cantante coa orde era tan extrema que a porta da neveira era transparente para asegurarse de que cada alimento estaba no sitio asignado.

A beleza de Beatrice acabou tamén por corromperse, pero, antes de darlle o portazo, coñeceu a Dalí persoalmente. Fixéronse grandes amigos a base de visitas a bordeis e reunións en casa do pintor para ver seleccións da súa filmoteca pornográfica. A maiores desas afeccións, compartían tamén un sentido do humor no que a escatoloxía tiña gran peso. A caca, o cú, o peido e o pis aparecían ontinuamente nos seus diálogos.

Esas inclinacións provocaban a ira dos seus contemporáneos. Sergé Gainsbourg aceptou dun xeito definitivo ser músico profesional a noite na que escoitou a Boris Vian nun local sucio e escuro da vangardista Saint Germain, onde despois vería actuar os grandes do jazz, dende Billie Hollyday a Louis Armstrong. Comprendeu que as letras poden ser un arma cargada de provocación. Gainsbourg elixiu ese medio para escandalizar. Logrouno con ‘Je t’aime, moi non plus’ (‘Eu ámote, eu tampouco’). O título, que responde ao xogo de contradicións que tanto lle gustaba, foi inspirado por Dalí. "Picasso es español, yo también. Picasso es un genio, yo también. Picasso es comunista, yo tampoco", afirmara o artista. Como acostumaba, Gainsbourg escribira unha letra espida e salvaxe baseándose nunha tese e unha pequena antítese. A canción relata unha parella facendo o amor, pero matiza "o amor físico non ten saída". A fórmula volvería usala, nunha versión enfermiza, cando obrigou á súa filla de 13 anos, Charlotte, a deitarse sobre un colchón para gravar o vídeo de ’Lemon incest’ (‘Incesto de límón’). Charlotte estaba nerviosa e acovardada, coma estivera Olga Tolstói, pero someteuse ao desexo do pai. A nena cántalle "ámote, ámote por riba de todo, papá" e Sergé contesta cunha referencia ao "amor que nunca faremos". En canto empezou a radiarse a canción saltaron as acusacións de pederastia, o autor exhibiu o seu histrionismo para contestar que "o incesto pode ser espléndido, pero tamén unha atrocidade". O cantante sentíase atraído polas adolescentes. As dúas mulleres que o dominaron foron Brigitte Bardot e Juliette Grecó. Catherine Deneuve marcoulle o terreo. Gainsbourg abandonou a Elizabeth cando perdeu ese aspecto, intentouno con Françoise Hardy e convenceu a Jane Birkin, que xa tiña unha filla, para que deixase ao seu home e comezase a vivir con el.

TUMBAS
Nos últimos meses da súa vida Gainsbourg estableceuse nunha vila de catrocentos habitantes na que gozaba da a soedade e do cinema. A película que vía unha e outra vez era a súa favorita: La noche del cazador, un drama sobre un psicópata que quere atrapar a dous nenos, unha revisión do conto de Hansel e Gretel que asinou Charles Laughton. A Gainsbourg recordáballe a infancia, a estrela amarela que lle colocaron para telo categorizado como xudeo durante a ocupación alemá. "Eran máis racistas os franceses que os alemáns", afirmaba. Lucien, o pequeno Sergé, superou o acoso nazi como sobrevivira a unha nai que decidiu abortar cando soubo que estaba embarazada del. Ela e o seu home chegaran a París escapando do cerco soviético aos xudeos e non tiñan un can. A nai buscara unha casa clandestina para non ter o fillo. Viu unha palangana oxidada, viu a cotra, e deu a volta. Sendo aínda Lucien, de neno, padeceu tuberculose. Estaba encarado coa morte cando un pediatra lle recomendou unha estadía no campo. Os pais mandárono a un internado.

Unha noite, o pequeno espertou coa imaxe do seu director ao pé da súa cama cun machado na man. Deu un salto na casa polo susto. O bo home tranquilizouno e advertiulle de que pola mañá chegarían soldados alemáns na procura da nenos xudeos. Debía esconderse no corazón do bosque ata que marchasen. Foi a súa noite do cazador. Sergé transformara a súa estrela amarela como unha "estrela de sheriff".

Cando a sociedade deixou de incomodarse polas letras e polas insinuacións de pederastia para incomodar á sociedade, empezou a facelo coa súa fortuna. Os éxitos de Je t’aime e das cancionciñas pop que lle deron dúas vitorias e un segundo posto en Eurovisión incharon as súas contas. Mercou un reloxo Cartier no que mandou inscribir unha ostentosa estrela de David. Tamén lle valeu para gravar unha versión reggae e deformada de A Marsellesa. Os veteranos da Guerra de Arxelia percibiron a burla ao himno nacional como unha afrenta e vingáronse con amezas de bomba e intentos de agresión. Sergé, o pequeno Lucien, soubo tocar no botón da irritación unha vez máis. Para reconciliarse cos pés negros, cantou a versión ortodoxa nun acto patriótico . Ao rematar, fixo un ostentoso corte de mangas aos patriotas que estaban deleitándose co himno. "Procurei que se vise ben o reloxo", asegurou.

Gitanes, lolitas e tumbas