Gilda

ESTE PASADO mércores emitiron pola televisión ‘Gilda’ -outra vez- e volvín ver como Rita Hayworth vai espindo o seu brazo dereito daquela longa luva negra mentres canta -facendo playbak- ‘Put the blame on Mame’. Non podo estar seguro pero sospeito que mentres contemplaba a escena tiña eu debuxado no rostro algo semellante a un sorriso entre compracido e retranqueiro que viría motivado pola beleza da protagonista, o insinuante da danza e mais pola automática posta en marcha dese mecanismo evocador que con tanta frecuencia se nos dispara aos vellos. E é que eu, que xa sabía ler, lembro os pasquíns que, apegados na parte de fóra dos soportais da Praza Maior de Lugo, algo por riba das efixies de Franco e José Antonio que até bastante tempo despois alí figuraron, chamaban aos homes católicos -das mulleres, creo, nada dicían- para que non asistisen á proxección de tan pecaminosa película. Non podo dicir se fora cando se fixera aquí a estrea do filme, aínda que é de supoñer que así fose, pero si que, co paso dos anos, acabara por deixar que medrase en min a sospeita de que, se cadra, o empresario da sala de proxeccións na que se exhibía tivese algo que ver con tan moralizadora campaña en vista dos comentarios que, en voz máis ou menos baixa, mesmo chegaban aos meus oídos infantís e que me facían temer pola alma de case todos os veciños do barrio, incluído meu pai.

Por todo iso ‘Gilda’ quedara na miña imaxinación, como non podía ser doutro xeito, situada nun dos chanzos máis elevados da escada dos mitos e, andado o tempo, aproveitei a primeira ocasión que se me presentara para ila ver. Non sei se aínda era preciso ter 21 anos feitos para poder asistir á proxección de películas clasificadas pola Igrexa como «gravemente perigosas», pero supoño que a cousa xa debera andar algo relaxada neste aspecto. Podería dicir que, tendo en conta as expectativas coas que entrara no cine, acabara saíndo un tanto defraudado, pero a verdade é que non fora así. A película gustárame, a Hayworth namorárame, a labazada de Glenn Ford resultaba do máis verosímil, algunhas partes do diálogo perecéranme moi enxeñosas e mesmo as sentenzas que deixaba caer o «tío Pío» soaban ben. Certo que a miña alma non correra todo o perigo que eu ía buscando cando mercara a entrada, pero que se lle ía facer.

E estoutro día, cando atendía ao televisor, decateime de que no ángulo inferior dereito da pantalla, aparecía unha indicación desaconsellando a película aos menores de 13 anos. E el será, pensei, que, ao igual que lle sucede ás moedas, tamén hai principios supostamente morais que se van desvalorizando co paso do tempo?

E como as promesas dos do Goberno...

Comentarios