'Gerrymandering'

ian.jpg
photo_camera ian.jpg

Catro anos de estudos universitarios en Texas dan para moito. De feito, o enrevesado sistema educativo fixo que un graduado en Bioloxía tivese que cursar créditos de ciencias políticas para coñecer o complexo sistema electoral estadounidense e texano. É nese momento cando se atopan termos tan rocambolescos coma gerrymandering. Elbridge Gerry, alá polo ano 1812, en plena insurrección galaica contra a invasión francesa, decidiu que non lle gustaban os resultados que o seu partido colleitaba nos distritos do norte de Massachusetts, polo que decidiu facer uso do seu poder e fusionalos todos nun só, e así garantir a vitoria nas elecións.

 Douscentos anos máis tarde, Galicia, castigada por unha crise que ameaza con destruír unha parte importante do seu tecido produtivo, vese nunha situación de parálise non só económica, pero tamén política e social. Neste contexto, o goberno de Alberto Núñez Feijoo vén de abrir un novo debate na vida política galega: a fusión de concellos. En principio hai que pensar ben, polo que vou considerar que esta nova estratexia política non supón unha táctica encuberta.  A razón real detrás desta manobra é a de dar unha sensación de seguridade diante da cidadanía.

Explícome. A Xunta dos últimos tres anos caracterizouse por un perfil lexislativo moi limitado máis alá de botarlle as culpas ao bipartito e de facer unha campaña de autobombo moi exitosa, pois logrouse sen xerar excesivas críticas a esta política. Sen embargo, nos últimos meses a Xunta xa non pode referirse ao bipartito como o ente do que herdou todos os males, e as ideas escasean. Polo tanto, creo que estamos a vivir un proceso que amplía o concepto de gerrymandering: non se busca un beneficio electoral directo, pero si lanzar a restruturación do país como un modo de aletargamento da sociedade e de desviación da atención pública.

O debate que se acaba de iniciar é moi perigoso, debido ás présas coas que unha parte do poder está animando aos concellos a fusionarse. Polo que parece, nun primeiro lugar, o requisito imprescindible para fusionar dous concellos é que os alcaldes se leven ben, o que seguramente derive en fusións en base á cor política de cada municipio, e que un deles estea disposto a perder o bastón de mando. Primeiro erro. Os concellos galegos son estruturas en moitas ocasións máis antigas que o sistema provincial vixente do século XIX, que se resiste a
marchar a pesares do novo sistema autonómico. Durante moitas décadas as estruturas destes municipios desenvolvéronse ao redor duns núcleos que articulaban a maioría dos servizos sociais e económicos, polo que estamos a falar de décadas de investimentos que agora están en perigo.

  Feijóo e os alcaldes de Cesuras e Oza   escenificaron o pasado día 14 a fusión dos  municipios A maiores, temos os exemplos  de fusións de concellos feitas ao longo do  século pasado, e que en moitas ocasións  foron un auténtico fracaso. Santiago de   Compostela, por exemplo, era un pequeno  concello do sur da provincia de A Coruña que  acabou  bsorbendo aos concellos de  Conxo e Enfesta. Só abonda con darmos un  paseo polo actual barrio de Conxo para ver  os escasos beneficios da fusión para o irmán pequeno a nivel de urbanismo e planificación rural. O abandono rural en materia de investimentos é outro problema que afecta ás parroquias rurais de Compostela nos últimos decenios. Outros exemplos son a fusión de Oza por parte de A Coruña ou do concello de Vilaxoán por parte de Vilagarcía: falla de planificación urbana, descentralización do tecido produtivo ou perda de obxectivos políticos a curto e medio prazo.

A estes problemas que se manifestaron en fusións anteriores engádese o envellecemento da poboación rural en Galicia. Fusionar concellos constitúe unha desculpa perfecta para centralizar servizos de atención aos nosos maiores. Os que temos familiares xubilados nas bisbarras rurais sabemos as dificultades que ás veces teñen en termos de mobilidade para chegar aos servizos básicos. Se a redistribución de oferta de servizos se fai coa escasa reflexión coa que se están a suxerir as fusións, temos motivos dabondo para a preocupción.

Por último, boto en falta a publicación de informes convincentes a prol da fusión de concellos, con análises a medio e longo prazo dos beneficios que podería traer esta política. Polo tanto, co actual nivel de discusión e reflexión sobre cómo mudar o mapa xeopolítico galego, todo semella que non se van aprender leccións do pasado e que a decisións que se van tomar nos próximos meses e anos van obviar unha vez máis as necesidades estruturais do país. Polo menos, o presidente Feijóo terá o dubidoso privilexio de crear o gerrymandering por suicidio colectivo.

Comentarios