O GDR Terras de Miranda, a través do programa Leader, aposta pola conservación e posta en valor dos recursos do territorio

ACTUACIÓNS ► A recuperación dos órganos existentes no Mosteiro de San Salvador de Lourenzá e o proxecto do espeleoparque da Mariña son dúas das principais iniciativas
Cova da Doncela. EP
photo_camera Cova da Doncela. EP

Entre os obxectivos do GDR Terras de Miranda, segundo a súa estratexia de desenvolvemento local, está a potenciación de actividades recreativas de posta en valor do patrimonio ambiental, patrimonial, cultural, artesanal e gastronómico e a axuda ás accións encamiñadas ao turismo con vinculación comarcal, entre elas a parte patrimonial e de natureza e maila súa conservación.

Esta conservación e posta en valor permitirá entre outras cousas diversificar a oferta de actividades que crearán unha mellora cuantitativa e cualitativa, permitindo coñecer os recursos turísticos do territorio para poder articular unha oferta global innovadora e de calidade.

Estudo de restauración e uso dos órganos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá

Os órganos do Mosteiro de San Salvador constitúen un dos máis salientables conxuntos do patrimonio galego. Son excepcionais, non só en Galicia senón tamén na Península e mesmo en Europa. Non quedan na comunidade autónoma dous instrumentos en caixas xemelgas no seu estado orixinal.

O órgano grande do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá. EPEste proxecto baséase na realización dun estudo pormenorizado dos órganos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá dende diferentes enfoques. Por unha banda sae unha proposta sobre o carácter da futura intervención nos instrumentos, sinalando todos aqueles elementos históricos que conveña preservar e facendo tamén unha axeitada valoración económica, e por outra un plan transversal de usos e aproveitamento dos mesmos materializarase en actividades de uso litúrxico, concertos, formación (para futuros organistas a diferentes niveis: cursos estivais, colaboración coas escolas de música e conservatorios da zona), charlas e visitas guiadas dirixidas ao público en xeral que permitan coñecer este patrimonio sonoro e en actividades máis específicas para persoas expertos no tema, co fin de diversificar as actividades culturais do territorio.

A redacción do proxecto para a posta en valor dos órganos que conterá a proposta final de intervención nos instrumentos dirixirase ás Administracións Públicas desde a Asociación de Patrimonio Laurentino co fin da recuperación e posta en valor dos órganos.

Estudo para a creación dun espeleoparque da Mariña

O GDR Terras de Miranda, a través do programa Leader, en colaboración coa Federación Galega de Espeleoloxía levou a cabo este estudo do proxecto do Espeleoparque da Mariña. Este proxecto céntrase en levar a diante un espeleoparque orientado a amosar a diversidade das covas e a presencia global das covas e do patrimonio natural e cultural asociado dun territorio acotado, que inicialmente se centra nos Concellos de Mondoñedo, Alfoz, Foz e Burela, en prol da realización de actividades de promoción, difusión e coñecemento do valor das covas e o seu ecosistema. A idea de organizar as cavidades conleva xerar unidades didácticas axeitadas, en covas específicas, compatibilizando o perfil do visitante, co coñecemento que se comparte, coa accesibilidade e a seguridade do visitante inexperto (ou non), mais garantindo un impacto mínimo sobre o patrimonio natural subterráneo.

Creáronse diferentes actividades seguindo itinerarios específicos polo territorio coa idea de concretar eventuais recursos que puideran servir para amosar aspectos relacionados coa diversidade que pretende aportar o espeleoparque, mais alá dos recursos subterráneos de sobra coñecidos como a Cova do Rei Cintolo e todo o carst vinculado á mesma.

Dentro deste apartado destacamos os percorridos desenvoltos nos diferentes afloramentos de granitos no eixo do Tronceda, na contorna da Frouxeira na procura de microformas singulares ben derivadas da dinámica do emprazamento do granito (tafone), ben postxenéticas e relacionadas coa evolución dos macizos (rills e pseudokarren, por disolución do granito; pías ou gnammas, covas e abrigos).

Tamén se fixeron xornadas de prospeccións na liña de litoral, na procura de furnas nas cuarcitas e granitos no tramo entre Burela e Foz.

Por área morfolóxica durante o 2021, situáronse as seguintes cavidades: Xeoposicionamento de cavidades e 13 recursos no carst Mondoñedo, entre os que se atopan cavidades como a do Rei Cintolo, Senar, Capela, Arcos, etc.

Xeoposicionamento de recursos e cavidades no pseudocarst Mondoñedo, Abrigos da Ameixoada e o Sistema de Tronceda. É moi importante indicar que o Pico da Frouseira, que ten un inmenso interese xeóloxico e patrimonial, é o final do roteiro creado desde o Cova do Rei Cintolo e que vertebra estes recursos.

Xeoposicionamento de cavidades na costa e paracarst de Foz e Burela.

No roteiro do Carst e pseudocarst entre Mondoñedo e Foz lograron identificarse os seguintes valores potenciais: espeleotemas tanto en rocha cárstica como en pseudocárstica, abrigos e bioespeleotemas nodulares ou bioglifos de osos cavernarios.