Gambito de cabalo

A UNIDADE é praticamente un valor universal, sobre todo se reparamos nas continuas apelacións que se fan a ella, e non só as ocasionais, ou pontuais, senón aquelas outras de carácter táctico ou, mesmo, estratéxico. Tan teimosos e constantes requerimentos, non soen contar con éxito, cando menos nos aspectos que motivan estas concisas liñas. Claro que se alixeiramos a reflexión, acudidno aos lugares comúns podemos recuar até o propio Credo -«et unam (…) Ecclesiam»- ou deténdonos nun periodo mais próximo no túnel do tempo, na divisa que figuraba no curioso escudo franquista, cunha especie de trindade de infundios: ‘una, grande y libre’.

Pero nós a onde queriamos chegar é á politica e, particularmente, a aquelas opcións que se presentan máis fragmentadas, ou sexa as de esquerda, progresistas, nacionalistas, etc. No momento que se está a vivir, as exhortacións son moi abondosas e, de feito, os precedentes históricos ilustran perfectamente cómo unha situación dificil e tensa, dou lugar á aparición de grandes coalicións como foron os frentes populares, e en España o constituido en 1936 con participación do PSOE, IR, PCE, UR, etc., pero ao que tamén se sumou o Partido Galeguista. Nos recentes comicios autonomicos galegos, a chamada do histórico lider Sr.Beiras, partia de considerar este tipo de precedentes, e ainda que non acadou a adhesión do recentemente escindido Bloque Nacionalista, o resultado electoral veu confirmar que o deseño partia de bases teóricas moi atinadas, que mesmo permitiron aventurar que se a campaña se alongara, ou se a formalización da alternativa se lanzara un pouco antes, os resultados serian ainda mais espectaculares. Tal e como está o panorama, quizais é o deseño programático que ten o actual goberno da Xunta quen ven confirmar estas previsións, xa que a intención é reducir tanto o tempo de campaña, como o número de deputados. E poida que algo parecido se osme con carácter xeral coa vista posta nas eleccións municipais, isto é, redución no número de concellos, o baleirado de competencias e a diminución de edis.

Como sinxelo observador, anotamos que a unidade volve formar parte da prédica política, ainda que os seus contornos son realmente bastante imprecisos xa que non está moi claro o que significa para uns e para outros, particularmente para aquelas forzas que derivan dun proceso de creba e separación traumática, ainda que tamén é certo que o resultado dista moito de ser unha especie de arrebato. Foi máis ben o ponto final dun proceso longo, unha especie de borroeira que non se via pero que cada vez se espallaba máis, e comezaba a arder aquí e acolá, tal e como sucede no monte. Ao longo de anos desenvolveuse un xeito de partida de xadrez con xogadas sumamente arriscadas por non decir temerarias. Todo o mundo sabe en qué consiste o gambito, e salvo raras excepcións, o que se sacrifica para obter un beneficio maior é un peón, particularmente no comezo da partida. Mais desde que o xogo está moi avanzado, entregar pezas de máis valor aproximase ao suicidio. E todos sabemos o que se fixo, nunha especie de emulación do sonado relato de William Faulkner. Pero non esquezamos que este é apenas unha ficción.

Comentarios