jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Galletas maría novertedoiro escolar

NIN NO peor dos meus pesadelos imaxinei que algún día vería a nenos rebuscando comida no vertedoiro escolar’, láiase Leonidas Nikas, director dun colexio en Atenas. Pero está a pasar. A crueldade dunha economía desapiadada causa millóns de vítimas no sur de Europa. A agonía semella non ter fin ante a cegueira duns gobernos que apostan por políticas de desigualdade, máis preocupados pola conta de resultados que pola vida das persoas.

A crise peta nos lombos dos máis febles, nenos que pasan fame. Por iso Andalucía reparte 11.000 bulsas de comida aos que non comen nas casas. 45.000 para o curso que vén. Outras autonomías, entre elas a nosa, cadran as contas suprimindo axudas nos comedores escolares. Nas Canarias tiveron que conceder axudas a 12.000 nenos e pagarán 8.000 comidas diarias no verán. Ata no rico Levante cocen fabas e aparecen casos de nenos desnutridos. 2.900 nenos en Barcelona padecen desnutrición. Non comen, ás veces desmáianse e dende logo a súa primeira preocupación non é alimentar o cerebro senón encher o bandullo. Os 6,2 euros do menú son inalcanzables para moitas familias. Nenas e nenos son invisibles. Para eles escola e xogo non son a súa profesión: traballo abondo teñen buscando comida.

Onde están os políticos? Por que se afastan das persoas nesa inasumible e xigantesca flota de coches oficiais? Por que só pactan para blindar os seus privilexios? Por que temos que subvencionar comidas e bebidas ‘de recoñecida calidade e primeiras marcas’ para diputados que por decencia deberían ter prohibido o alcohol nos parlamentos?

Nesta vergoña, nesta derrota inadmisible estabamos cando lemos que o FMI «equivocouse sobre o impacto da crise en Grecia». Tamén en Portugal, en España. E que «as políticas de austeridade agravaron a recesión máis do previsto». Ou «que se mantiveron os obxectivos de recorte do déficit cando xa era patente que as previsións de crecemento eran erróneas». Perdoade, cidadáns, pero «a recesión sobrepasou todas as expectativas». O FMI recoñece, con centos de economistas obscenamente pagados, que «os cálculos sobre a evolución fallaron por amplo marxe». Agora entendemos que os millonarios rescates non eran para dar un bocata de chóped aos nenos gregos senón para asegurar a devolución dos préstamos de usura aos grandes bancos franceses e alemanes.

En mans de quen estamos? Economistas, políticos ou quenllas inmunes a toda evidencia científica e a toda decencia humana? Porque son incapaces de medir a dor, de calibrar o sufrimento, de prever a desesperanza de millóns de persoas. Xamais atoparemos a estes políticos miopes, aos economistas da Troika, peóns da economía máis inhumana buscando galletas maría no vertedoiro dunha escola primaria en Atenas.

Galletas maría novertedoiro escolar
Comentarios