A galiña e máis o ovo

Unha señora/moi aseñorada;/ chea de mendos/e sen unha puntada». É unha adiviña clásica da que case todos aqueles que xa deixaron atrás a súa infancia saben a solución: a galiña. Como é normal no xénero esta tamén ten un enunciado enxeñoso e resulta abondo expresivo o xeito de se referir á plumaxe para axudar na descrición e nos abrir o camiño polo que ir dar coa clave. Claro que haberá quen diga, despois de pararse unha miga a cavilalo, que a proposta resulta igual de válida para a pomba, a aguia, o corvo, a avestruz, o parrulo ou mesmo a sardiña, se decidimos levar a cousa até o cabo, e non lle faltará razón, pero é case seguro que a galiña foi o primeiro que lle veu á cabeza a esa persoa, aínda que despois lle dese por pensar en todas as outras posibilidades, e iso porque, até hai moi pouco tempo, a galiña veu sendo como alguén máis da familia e formaba parte da cultura do cotián, mesmo para os máis inveterados urbanitas.

 

Pero as cousas foron mudando e xa son moitos –se cadra demasiados– os nenos e nenas que soamente teñen noticia desta, e outras, aves polas ilustracións dos libros de texto, algunha serie de animación e pouco máis. E menos aínda do que pode ser un mendo ou unha puntada. Non se precisa de ningunha pita cega para xogar e a cada paso parece máis evidente que os ovos son un produto que ten a súa procedencia nos andeis dos supermercados de maneira que as autoridades deste noso país decidiron mudar o nome das chamadas galescolas polo de ‘galiñas azuis’, se cadra coa pretensión de educar á nosa máis tenra infancia nunha máis cumprida información sobre a orixe certa dos alimentos que a fai medrar. Ben sei que o señor Conselleiro de Educación falou de ‘despolitizar’ estes parvularios e a señora Conselleira de Traballo de facer dos seus alumnos «ciudadanos librepensadores y portadores de derechos universales (os que xa imos vellos e se nos fixo cursar ‘Formación del Espíritu Nacional’ no bacharelato estamos tendo agora a sensación de que esta non é a primeira vez que tal oímos)», pero estes argumentos cheiran tanto a xustificación de parte, tan pouco a intereses educativos e son tantos os cartos públicos que niso se invisten que non é de estrañar que a un se lle veñan cousas raras á cabeza.

 

Non sei se o autor da idea leu o conto de Carlos Casares, supoño que si, pero non creo que lle veña mal lembrar que, aínda que todas as galiñas acabasen tinguidas de azul, soamente unha era quen de poñer ovos de cores.

Comentarios