GaliciaLe, a nova plataforma para o préstamo de libros electrónicos

Aquelas persoas que ven a lectura coma unha forma de felicidade atoparán en GaliciaLe o mellor xeito de partillar e democratizar esta particular ledicia, xa que este espazo virtual -dispoñible en toda a rede de bibliotecas públicas galegas- permitiralles ler en calquera lugar, momento e dispositivo: tableta, ordenador persoal, lector de libro electrónico, teléfono móbil...

Promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con Amtega e co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, GaliciaLe é unha plataforma para o préstamo de libro electrónico para todas as idades e para todos os lectores e lectoras.

GaliciaLe pon a disposición desde xa en calquera biblioteca pública galega contidos de viaxe, ficción, historia, informática, cociña, biografías... e en múltiples formatos: desde audiolibros, libros electrónicos e interactivos ata álbums ilustrados.

Para ser usuario ou usuaria o procedemento é ben sinxelo: só fai falla dispor do carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia. En caso de non dispor del, a solución é igual de doada: hai que dirixirse á biblioteca pública máis próxima que forme parte desta rede e solicitalo. Finalmente, chega con ter un dispositivo compatible e unha conta de correo electrónico.

GaliciaLe tamén facilita o xeito de lectura, xa que pode ser en liña, conectándose a internet ou mediante descarga, baixando o libro aos dispositivos que se desexe.

En GaliciaLe o lector atopará dous catálogos: un que contén o ‘Catálogo do libro electrónico en galego’ e o ‘Catálogo do libro electrónico en castelán’.

Catálogos: Os libros máis destacados

No catálogo dos libros máis prestados en galego figuran ‘Ámote Leo A.’, de Rosa Aneiros; ‘Feminismos’, de Olga Castro e María Reimóndez; ‘Os televisores estrábicos’, de Ramón Vilar Landeira; ‘Cantares gallegos’, de Rosalía de Castro; ‘O bosque é grande e profundo’, de Manuel Darriba; ‘A viaxe de Gagarin’, de Agustín Fernández Paz; ‘Sígueme!’, de José Campanari; ‘Spam’, de Francisco Castro Veloso’; ‘Home sen nome’, de Suso de Toro, e ‘Boris’, de Concha Blanco Blanco.

Algunhas das novidades nesta lingua son ‘Los cuerpos extraños’, de Lorenzo Silva; ‘La vida era eso’, de Carmen Amoraga; Limbo, de Melania Mazzucco, ou ‘La mujer que vivió un año en la cama’, de Sue Townsend. En canto a obras destacadas están clásicos como ‘El principito’ e novelas contemporáneas como ‘Tokio blues’.

Comentarios