O CIFP As Mercedes implanta o ciclo formativo de Mantemento Aeromecánico

Galicia centra en Lugo a súa aposta para liderar a aviación non tripulada

O polo de Rozas supón un investimento global de 150 millóns de euros e crea 600 empregos ► O proxecto terá efecto multiplicador entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos
Indra transformará en Rozas un avión que operará tripulado e non tripulado
photo_camera Indra transformará en Rozas un avión que operará tripulado e non tripulado

Lugo centra a aposta de Galicia por converterse en referente do sector dos avións non tripulados de uso civil impulsando unha nova industria coa posta en marcha do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de uso civil de Rozas, un proxecto que nace coa intención de xerar oportunidades de emprego e que contribuirá a fixar, modernizar e diversificar o tecido produtivo da provincia e da comunidade. 

Para conseguilo, o Goberno galego, a través dun procedemento pioneiro, aliouse con Indra e Inaer, que son os seus socios tecnolóxicos para o desenvolvemento do polo. Ambos, ademais de mostrar o seu compromiso de permanencia –como mínimo ata o ano 2026–, realizarán un investimento de 75 millóns de euros, que se suman aos 40 millóns que achega a Xunta. O orzamento ascende a 115 millóns de euros. 

O proxecto, que conta coa colaboración do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial Aerotransportado (Inta) terá como núcleo o aeródromo de Rozas e permitirá poñer en marcha iniciativas que xerarán 600 postos de traballo, ademais de provocar un efecto multiplicador entre as empresas, universidades e centros tecnolóxicos galegos, que participarán tanto nas actividades de I+D+i como na fabricación e comercialización da tecnoloxía mediante contratos que sumarán 42 millóns de euros. 

O aeródromo de Rozas permitirá poñer en marcha iniciativas que xerarán 600 postos de traballo

Neste parque empresarial traballarase en tres modelos de vehículos non tripulados cun alto potencial de mercado. En concreto, serán o helicóptero Lumes, o avión de ala fixa Targus, e un vehículo mariño que inclúe un microrrobot submarino con capacidade para a recollida de mostras. 

INCENDIOS E SALVAMENTO. Grazas ao desenvolvemento destes vehículos non tripulados de uso civil, xunto ao impulso doutros sistemas e aplicacións, poderanse solucionar os retos tecnolóxicos expostos pola Xunta na convocatoria do proxecto. Deste xeito, preténdense mellorar os servizos públicos en campos como a prevención e a extinción de incendios; a xestión máis eficiente dos recursos forestais, agrícolas e gandeiros; o inventariado e a xestión do territorio e o patrimonio; o salvamento marítimo e a vixilancia costeira; o control de furtivismo, a detección de mareas vermellas, ou a xestión eficiente de emerxencias e fluxos turísticos. Para solucionar estes retos, vénse de poñer en marcha ademais un programa de Compra Pública Innovadora de Tecnoloxía, que suma 24 millóns de euros. 

Os produtos desenvolvidos contarán coas certificacións necesarias a través do Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR), posto en marcha polo INTA e a Xunta, e cuxo investimento alcanza os 10 millóns de euros en Rozas. Desta maneira, o investimento total na iniciativa galega arredor dos avións non tripulados suma xa 150 millóns de euros. 

A chegada de Indra e Inaer situará á comunidade galega á vangarda do sector. Ambas compañías traerán a Galicia toda a cadea de valor ao trasladar á comunidade a súa actividade de avións non tripulados; implantar seis novas empresas; desenvolver un catálogo de produtos que se fabricarán en Galicia e que se comercializarán a nivel mundial; ademais de construír o polo de Rozas.

Comentarios