Galardón de cine para o IES da Fonsagrada

O Fontem Albei é premiado polo Ministerio de Cultura polo proxecto 'A Fonsa... Acción!', que incluíu a rodaxe da curta 'O camiño do tempo', sobre a idiosincrasia do concello. O programa desenvolveuse con alumnos de cuarto de Eso
Os alumnos que participaron no proxecto, con Marcos Flórez (ao fondo, no centro)
photo_camera Os alumnos que participaron no proxecto, con Marcos Flórez (ao fondo, no centro)

O IES Fontem Albei da Fonsagrada acaba de acadar o premio de Alfabetización Audiovisual, dirixido a centros escolares de todo o país, que concede o Ministerio de Cultura a través do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (Icaa). Obtivo ese recoñecemento polo proxecto ‘A Fonsa...Acción!’, que incluíu a gravación dunha curta documental, por parte de 15 alumnos de cuarto de Eso e cuarto de PDC, sobre a idiosincrasia do municipio.

O xermolo deste premio foi a inclusión no curso pasado do instituto no programa Cine en Curso, impulsado pola Consellería de Educación co apoio do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

Segundo explica a profesora María José Pérez, que coordinou este proxecto co apoio dos tamén docentes Patricia Muñoz-Ayala e Miguel Carricoba, ese programa propiciou un achegamento do alumnado ao cine nas súas diferentes fases de creación, desde a escritura do guión ata a rodaxe.

Como peche da iniciativa, concibiuse, gravouse e montouse o documental ‘O camiño do tempo’, duns dez minutos de duración. María José Pérez indica que esa obra é un percorrido pola esencia da Fonsagrada no que se tratou de retratar dende as súas paisaxes e as súas xentes ata o seu modo de vida. Resalta que contribuíu a que os propios alumnos puxesen en valor «o que teñen máis próximo». Contaron coa axuda do cineasta Marcos Flórez, que os guiou na xestación e gravación do documental. Unha vez rematado, exhibiuse no CGAI, para clausurar a pasada edición de Cine en Curso, e no instituto.

O xurado do ICAA valorou o espírito «innovador» do traballo, ao utilizarse o cine «como arte y como vehículo para la creación de cultura, así como por su capacidad para explorar el potencial de la pedagogía en la creación».

MÁIS MEDIOS. O Fontem Albei recibiu o primeiro premio exaequo co IES Son Pacs de Palma de Mallorca na categoría para centros de secundaria. As bases contemplaban un único premiado, pero o xurado declarou deserta a categoría de FP e decidiu destinar a súa dotación económica a esta, pola calidade dos dous traballos gañadores. O IES fonsagradino recibirá 3.000 euros, para adquirir material audiovisual e desenvolver máis proxectos nese ámbito.

Profesores e estudantes contaron con apoio do cineasta Marcos Flórez, que os guiou na xestacióno do documental

Os estudantes que formaron parte deste proxecto foron Sarai Álvarez, Alejo Asumo, Jónathan Cancio, María Castro, José Luís Couso, Adrián Díaz, Jorge Fernández, Ana Fernández, David Fernández, Eduardo García, Ángel Gegunde, Alejandro Gromaz, Vanja Perona, Andrea Robledo e Jónathan Rodríguez.

Comentarios