Gaitafilmes estrea no festival M de Cine as primeiras imaxes de ‘Dhogs’

Uns 200 veciños asistiron á proxección de seis curtas e dos Test Meiregos, onde se pediu un recoñecemento para Magdalena Conde
Integrantes de Gaitafilmes
photo_camera Integrantes de Gaitafilmes

«Quixémoslle facer un regalo ao pobo», explican dende Gaitafilmes, logo de aproveitar unha nova edición do festival que organiza en Meira, M de Cine, para proxectar uns minutos da primeira longametraxe dirixida por Andrés Goteira, ‘Dhogs’.

Foi só un pequeno adianto da película, que aínda esta en proceso de edición. Dende a produtora confían en tela rematada nestes primeiros meses do ano, para logo poder remitila a distintos festivais e comezar así a campaña de promoción dun esperado traballo que, din, «a xente ten ganas de ver».

Igualmente agardados polo público son os Test Meiregos, unha sorte de preguntas indiscretas, probas e improvisacións que deben afrontar algúns veciños da vila ante a cámara e coas que logo Goteira fai «unha montaxe simpática, en clave de humor». Este ano, o proxecto foi un paso máis alá, ao incluir unha entrevista con quen foi un dos persoeiros do ano en Lugo, o empresario meirego Javier Irimia.

O empresario Javier Irimia concedeu unha entrevista e varios meiregos afrontaron distintas probas 

Este non só se prestou a este exercicio, senón que aproveitou a ocasión para propoñer que se lle faga algún tipo de homenaxe a unha das veciñas máis ilustres e coñecidas da vila, Magdalena Conde, responsable da tenda de roupa Casa Agustín da Praza Maior dende os anos 50.

O festival M de Cine, celebrado no centro sociocultural meirego e que contou coa asistencia dunhas 200 persoas, completouse coa proxección de seis curtametraxes, tres delas, ‘Bosco’, ‘Prueba’ e ‘Carne’, foron elaboradas nas actividades de formación que organizou Gaitafilmes en Lugo.

O programa incluíu ademais a nova curta do estudante de cine meirego Duarte Eiros, ‘Proxecto 88’; a peza ‘2114’, elaborada polo Grupo de Cine de Lugo; e ofreceu a posibilidade de gozar de ‘Unary’, obra dirixida por Luis Avilés Baquero e protagonizada por Antonio Durán Morris, merecedora dun premio Mestre Mateo.

O Concello de Meira e a asociación Eme de Meira colaboran na organización desta actividade, que xa é un clásico da programación meirega e unha das propostas habituais de Gaitafilmes, que organiza varios eventos ao longo do ano en Meira.

Neste 2017, e a falta de definir un calendario de propostas, a entidade xa ten claro que repetirá a experiencia das Meirendas cunha nova edición desta quedada campestre popular que resultou todo un éxito.

Comentarios