A fundación O Noso Lar celebra cos voluntarios 25 anos de traballo

A colaboración desinteresada de numerosos veciños conseguiu facer da entidade samonense "un proxecto vivo"
Algúns dos asistentes á xuntanza de voluntarios da fundación, celebrada en Lousada
photo_camera Algúns dos asistentes á xuntanza de voluntarios da fundación, celebrada en Lousada

A fundación O Noso Lar de Samos mantivo un encontro na noite do sábado na sede de Lousada cos seus voluntarios, aos que quixo agradecer "a dedicación e traballo" durante os 25 anos de vida desta entidade, explicou o seu presidente, Miguel Gómez.

A xuntanza, na que participaron unhas 40 persoas, consistiu nunha cea no transcurso da cal se proxectou un vídeo coas distintas actividades da fundación nas que colaborou o voluntariado, tales como a festa adicada aos maiores de Samos, os encontros de convivencia en Lóuzara e Lousada, o certame literario, as vacacións para a terceira idade ou os campamentos para os máis novos.

"A fundación foi abrindo camiños grazas á colaboración gratuíta e xenerosa de moita xente, á que queremos agradecerlle a axuda que prestou nestes 25 anos para facer do Noso Lar un proxecto vivo para toda a zona de Samos", expresou o párroco Miguel Gómez.

Segundo comentou, o voluntariado da fundación está formado por persoas de entre 16 e 65 anos de idade, na súa maioría veciños de Samos, pero tamén doutros puntos da comarca e do resto de Galicia. "Cada ano contabilízase unha media de 80 voluntarios no total das actividades", precisou.

Ademais de contribuír ao bo desenvolvemento dos actos que organiza O Noso Lar, o voluntariado participa en celebracións lúdicas (como o Entroido), en eventos culturais (viaxes ao estranxeiro ou excursións pola contorna) e en accións formativas, coma cursos de monitor de tempo libre -a fundación impartiu cinco ao longo dos últimos anos cunha media de 20 alumnos cada un-, de director de actividades de tempo libre ou de director de campos de traballo.

A entidade samonense tamén conmemorará os 25 anos de existencia con outros actos ao longo deste ano, entre os cales figura a edición dun libro.

Comentarios