Función de aniversario

VIVIMOS uns tempos farturentos en noticias de todo tipo; aparecen e esváense con inusitada rapidez, se ben é certo que algunhas permanecen ou, de non ser asi, remanecen periodicamnente, sobre todo aquelas que teñen denominadores comúns como a crise, o paro, os casos de corrupción ou as calamidades tanto naturais como das outras. E a iso imos, porque no noso pais esa é unha especie de serie histórica ou culebrón televisivo. O calendario, ou o seus aniversarios por mor de sentenza, manda lembrar o accidente do Prestige, coas correspondentes doses de sorpresa, e tamén de indignación, particularmente ao rememorar aqueles infaustos días; e con eles, e xunto co chapapote enchoupando as costas, os bustos parlantes que lle ían pondo cara á sucesión de acontecimentos. Nos primeiros dias, o barco foi compoñendo unha derrota totalmente errática e contraditoria, unha especie de emulación do holandés errante, ainda que como moi axiña se viu, aquí non houbo nen o mais levián indicio de redención polo amor. O buque parteu en dous e afundiu e, moi axiña, comezou unha terrorifica maré negra. E todo aderezado con altos cargos de caceria, mirando de esguello.

Dirásenos, que resulta moi difícil tomar as decisións no momento dos acontecimentos. e bastante doado facer valoracións a posteriori. Pero resulta que praticamente ningún dos actores se arrepentiu nen do que fixo nen do que dixo. Como mostra abonda un boton, mesmo de áncora en cor, nunca mellor dito, como é o caso recente do que era daquela conselleiro de Pesca, sempre tan afouto. que non se doe de nada. e mesmo califica o labor da oposición como unha canallada. Haberá que refrescarlle a memoria coa sua frase do 15 de novembro do 2002: «Co ‘Prestige’ a sesenta millas o risco non é alto». E dous días despois «Todo o fuel que tiña que chegar á costa xa chegou». Menos mal que en varias ocasións afirmou, e reitera agora, que é biólogo, ainda que en dotes adiviñatorias foi amplamente superado polo daquela Delegado do Goberno; «O destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquin», profética frase do dia 19 de aquel mes, e desde logo polo hoxe presidente do goberno que o día 21 dixo categórico: «La marea no va a llegar a las ‘Rias Bajas’» (sic) ainda que despois relativizou o aserto acuñando o dos sonados «hilillos». E nesta mínima paseata polo disparate. naturalmente o primeiro da promoción foi o señor Fraga, que incomodado pola cacería á que acudiu, espetou: «Estou onde teño que estar. Deus e Santiago vannos axudar!”.

Mais no medio de todo este pélago, e particularmente co gallo da función de aniversario, e á marxe de todas as consideracións sobre a sentenza, que os mesmos que a louvan van recorrer, o único valor que atopamos é o feito de estar escrita en galego e ser lida no noso idioma polo maxistrado, o que naturalmente obrigou a traducila, nos seus variados soportes e, particularmente, nas cadeas de televisión. E é «que dentro deste encerro/o seu amor me alumea», que dixo o poeta, ainda que nós referímonos ao galego.

Comentarios