A fume de carozo para Niza

O chantadino Fernando Ibarra participará en agosto na carreira 6 Jours de France, que implica botar seis días correndo nun circuito pechado sen axudas externas. A competición é a segunda máis dura do mundo destas características
Fernando Ibarra, cunha das súas barcas, o seu traballo diario
photo_camera Fernando Ibarra, cunha das súas barcas, o seu traballo diario

Correr está de moda. Enfundar a roupa de deporte e deixalo todo no asfalto é unha disciplina que cotiza á alza, pero nisto tamén hai graos e para moitos non abonda facer uns quilómetros nunha carreira popular. O reto é poñer o corpo a proba.

O chantadino Fernando Ibarra Carbón é dos que buscan ese plus no deporte e a súa última ocorrencia foi inscribirse na 6 Jours de France, unha competición que terá lugar do 2 ao 8 de agosto en Niza (Francia) e que vén sendo algo coma estar seis días correndo nun circuíto pechado sen recibir axudas externas.

Os corredores enfróntanse a unha pista de 1,25 quilómetros á que teñen que darlle tantas voltas como poidan nos seis días. Dentro do propio circuíto hai unha área de descanso na que poden durmir cando precisen descansar e na que dúas veces ao día lles sirven comida. Ademais, no recorrido tamén hai puntos nos que lles suministran bebida e suplementos alimenticios, pero non hai axuda exterior. Só poden comer e beber o que pon a organización á súa disposición e non terán colaboración de ninguén para espertar cando paran a descansar nin nada semellante.

A carreira é a segunda máis dura do mundo destas características, o primeiro posto ocúpao unha de dez días que se celebra en Suráfrica. A de Niza ten dez anos de vida e nas edicións anteriores a media de corredores que iniciaron a proba foi dun cento. A estadística di que aos tres días abandonan a metade dos atletas e outra porcentaxe elevada opta por pasar o resto da carreira na área de descanso. Ao final, son unha ducia escasa os que chegan correndo á última xornada. Os gañadores de edicións anteriores fixeron arredor de 740 kilómetros nos seis días.

Este ano, con motivo do décimo aniversario do evento, está previsto reunir uns 120 corredores e hai unha decena de españois inscritos.

Fernando Ibarra recoñece que a carreira ten un punto ‘friki’ porque «é ir pasalo mal adrede, e dito así é de parvos», recoñece. O seu reto é «acabar a carreira e chegar á meta enteiro» e, no fondo, non ten moi claro a razón de apuntarse. «Cando corres unha maratón adestras tres ou catro meses e despois gozas a carreira. Pero con isto non o pasas ben, tes que facer unha preparación durísima, na carreira pasalo moi mal e un mes despois aínda tes moitas dores», di. «Creo que no momento da inscrición é no que realmente gozo. Esas dúas semanas que me quita de dormir a decisión de apuntarme. Son dúas semanas nunha nube, despois xa te pos en serio cos adestramentos e daste conta de onde te metiche», explica.

Ata agosto, Fernando Ibarra Carbón debe cumprir un duro adestramento do que só pode descansar unha xornada ao mes

E Ibarra sabe do que fala. O ano pasado fixo a carreira de 24 horas de Vigo e non ten problema en aclarar que é de tolos. «Recordo que ás veces chegabas tan desfeito á área de descanso que caías riba dalguén que estaba durmindo porque as pernas non che daban, non controlabas os espasmos. Pero o corredor que estaba durmindo tampouco se daba conta de que lle caeras encima do destrozado que estaba», asegura. «Nestas competicións tes que aprender a comer correndo e iso é realmente complicado. A min en Vigo chegoume a saír a auga polos ollos literalmente, non sabía que iso era posible», engade. Pese a todos os contratempos, en Vigo quedou quinto.

O chantadino xa está preparándose para a competición de Niza a fume de carozo. Ata agosto ten que correr todos os días, só pode descansar un ao mes e debe facer tres semanas de carga e unha de descarga. Agora corre 20 quilómetros diarios e 40 as xornadas da fin de semana, pero ese número vai medrando de xeito progresivo, cada día fai varios quilómetros máis que o anterior. Tamén ten ximnasio, piscina, bicicleta e traballa. Fernando Ibarra é carpinteiro, experto na restauración de hórreos e barcas, así que o seu traballo xa lle implica moito esforzo físico.

A única preocupación do chantadino é unha ferida que ten nun pé. Ten unha fenda no metatarso que lle produce moita dor cando pasa dos dez quilómetros e ten que facer un descanso e reenganchar. Non quere parar os entrenamentos porque senón seríalle imposible chegar a Niza. Despois do asesoramento do seu podólogo de confianza e do seu adestrador espera que todo se resolva cunhas soletas para o calzado. Fará o posible para non renunciar a Niza.

Comentarios