Fumando, espero

Leo neste xornal que o Partido dos Non Fumadores (PNF) denunciou a 20 locais da nosa provincia por incumplir a lei antitabaco. Dese xeito, dito partido acapara o 62,5 por cento das denuncias presentadas no que vai de ano. O restante 37,5 por cento corresponde a particulares que acodiron ós xulgados ante a presunta permisividade dos propietarios dos locais de hostalería coas persoas que fuman en lugares nos que quedou prohibido facelo a raiz da polémica normativa que entrou en vigor en xaneiro de 2006.

Estes datos corresponden ós dez primeiros meses de 2008 polo que é de agardar que o número de acusacións  (particulares ou partidistas) que se reciban nas sedes xudiciais luguesas se vexan incrementadas por causa da cantidade de xente que se xunta nos bares e restaurantes durante as festas de Nadal para xogar os famosos cartóns... cos nervios que eso conleva, e máis nestes tempos de crise en que os cartos excitan a avaricia.

Non hai moito, tiven ocasión de ler unha denuncia formulada contra un establecemento de Chantada que adoito frecuentar. Viña asinada polo PNF e contiña máis mentiras que aquel diario chamado ‘Noticias del Mundo’. Á vista do texto pensei que sería unha boa idea denunciar ó PNF pola cantidade de falsedades que alí figuraban.

Ó fi nal deixouse correr xa que todo era producto da vinganza dunha desas persoas incapaces de relacionarse cos demáis e que caen no PNF como puideron caer nos Testigos de Jehová ou en UPyD, que tamén é un partido.

É certo que as leis están para cumplilas pero non o é menos que a lei antitabaco se aplicou á brava e sen dar tempo nin a asumila nin a facer as oportunas reformas nos  establecementos.

Nun país en que o turismo é peza fundamental da economía hai que ter moito ollo e reflexionar máis dunha vez antes de aplicar calquera reforma que poida supor un cambio brusco.

Tampouco podemos esquecer que os locais que permiten fumar malia telo prohibido fan competencia desleal ós que respectan escrupulosamente a norma. Pero vexo que o peor da lei antitabaco é que fixo aflorar auténticos fanáticos que se adican a perseguir ós infractores coa fereza que amosaban Torquemada e demáis inquisidores. Arrogándose un papel que debera corresponder ás forzas de seguridade ou ós inspectores de sanidade, estes ultras percorren bares e cafeterías á caza, non do fumador, senon do propietario que fai a vista gorda ou que  simplemente non pode perder ós clientes de toda a vida. E, ademáis, fano no anonimato que lles proporciona o PNF.

Comentarios