''¡Fuera todo dios de la casa de Dios!''

Tres cregos no paseo dos Cóengos / VINICIUS
Tres cregos no paseo dos Cóengos (Ilustración: VINICIUS)

O PÁRROCO don Juan Ramos, posiblemente o cura máis retranqueiro dos moitos que por esta vila pasaron e de quen non hai quen ignore o famoso berro cominatorio para un grupo de xitanos que facía barullo na igrexa: «¡Fuera todo dios de la casa de Dios!».

Bernardo García Cendán / Vilalba

Don Enrique tiña unha vena intelectual que empregou na súa prédica que encantaba a seus fregueses e tamén unha vocación pola pedagoxía que quixo exercer, mais certos cregos da zona o denunciaron ao bispo Rafael Balanzá i Navarro. Mais don Enrique tiña amizade co arcebispo de Compostela, Zacarías Martínez Núñez, un agostiño burgalés que foi biólogo e discípulo de Santiago Ramón y Cajal, prologuista da súa obra: ‘Estudios biológicos’, que ademais foi profesor de bioloxía e virado cara á pedagoxía. En Zacarías Martínez atopa don Enrique López García un apoio considerábel que aplaca as iras de Balanzá e do grupo de párrocos erguidos en ira contra o de Fornas e Merlán.

Xosé Lois García / Merlán / Chantada

Sei que o crego se chamaba Alberto. Matárono alá embaixo, indo para o Castro de Abaixo. Era do Carballiño (Ourense). Pegáronlle un tiro. Isto foi despois da guerra e despois de queimar a igrexa, que foi polo ano 31 ou 33, e sábese quen foi. Foi xente de aquí. Alberto, o cura, tiña unha cuñada que marchou para Cuba e non se soubo máis dela; el tiña dúas irmás e enterrárono onda elas.

Ubalda Doval Arias / Torbeo / Ribas de Sil

O meu tío paterno, crego de Seteventos, pretendía que estudara a carreira sacerdotal, pero preferín marchar á Coruña onde rematei os estudos e fíxenme funcionario de Telégrafos. Naqueles primeiros anos sentíame diferente dos demais compañeiros e notábame condicionado polos anos de vida retraída e mística no convento e pola influenza de dona Rita, unha profesora particular sumamente relixiosa.

Manuel Vázquez Fernández / Monforte de Lemos

Os curas? Hainos bos, coma o que che dixen, de Sáa, e hai outros que non fan o que predican, coma un de Piñeiro que tivo dous fillos, e outro de San Martiño que tivo un cunha rapaza de casa de Rodríguez. Ela viviu oculta namentres estivo en estado e, logo, levouno a criar fóra da casa e o cura deulle estudo.

Elvira López / O Páramo

Así mesmo, cando alguén tiña un problema persoal, don Gil sempre estaba aberto a escoitar e tratar de axudar. Sempre visitou aos enfermos da parroquia e a diferenza de moitos outros curas xamais cobrou a ningún fregués por un enterro, de feito era algo que aos demais curas non lles gustaba pois entre a xente sempre xurdía o agravio comparativo.

Tino García / Bretoña

O longo de doce anos dediqueime ao labor pastoral en diferentes parroquias da diócese de Mondoñedo, alternando coa docencia, primeiro de profesor de filosofía no Seminario de Mondoñedo. Alí durante tres cursos coincidín co actual arcebispo de Madrid, Rouco Varela. A verdade é que xa comezara a colaborar con don Enrique no verán de 1957 na nova escola de Vilameá. A máis de un que anda por aí funlle metendo na cabeza as declinacións latinas.

Eugenio Núñez Ríos / A Pontenova

Díaz Castro naceu no lugar do Vilariño, na chamada casa D’arriba, unha das tres que forman a aldea. Son das máis antigas da parroquia e unha delas, a Casa dos Coira, foi das máis prósperas. Chamárono O Vilariño dos Cregos, pois chegou a haber naquelas tres casas ata nove cregos, entre tíos e sobriños. Dous deses curas fundaron en 1792 unha capela que aínda hoxe está en pé, nunha carballeira que nos introduce na aldea, nela axudaba á misa o pequeno Xosé María Díaz Castro, que entre os veciños era coñecido como Pepe.

Alfonso Blanco Torrado / Guitiriz

O crego respectivo de cada parroquia daba relixión na catequese, a quen lle estou tamén moi agradecido porque para o ingreso no Seminario el tivo unha parte moi importante na miña preparación desas probas de acceso que coñecía moi ben.

José Antonio Labrada Losada / Pol

Era acólito dun párroco de Duarría de Castro de Ribeiras de Lea, que me encamiñou nese sentido. Eu, que vía que todo o mundo se inclinaba ante o clero, vin que era algo importante e fun ao seminario de Mondoñedo, onde me fixen home.

Xosé Trapero Pardo / Mondoñedo

Recuerdo los primeros pasos como fotógrafo de Sergio López, cuando instaló su primer y modesto laboratorio, en una especie de rocho de la entonces conocida como Casa de la Señora Victorina de Picos. Laboratorio en el que en ocasiones le acompañé, pues me gustaba verle cuando preparaba el revelado de las fotos. Llegué a sentir tanta atracción que incluso me matriculé en un modesto curso de fotografía artística a distancia que impartía una tal Difusora Cultural Panamericana, ubicada en Nueva York, ciudad que ni por asomo podría imaginar que llegaría a visitar, y menos aún, que sería donde llegaría a ser consagrado obispo, en una iglesia de los EE.UU.; y mucho menos aún en aquel año en el que siendo aún muy joven le presté aquel curso de fotografía artística al recordado Sergio; hecho que él siempre me agradeció. El modesto diploma de aquel curso, ya algo amarillento por el paso del tiempo, aún cuelga enmarcado en la esquina de una pared de mi despacho.

Eduardo A. Domínguez Vilar / Burela

Don Amador López Valcárcel non era amigo de recibir honras e homenaxes. E sucedeu que o día 28 de maio de 2009, cando se inauguraban as remodeladas dependencias da curia episcopal, onde el traballara a reo toda a súa vida de crego como colaborador ou secretario de tres bispos, don Rafael Balanzá, don Antonio Ona de Echave e Frei Xosé Gómez, o actual bispo don Alfonso Carrasco quixo regalarlle unha conmemorativa placa de prata como agradecemento ao seu bo quefacer durante máis de 50 anos de constante servicio. Pero a esa mesma hora don Amador estaba xa en agonía, e pola tarde entregaba a Deus o remate da súa vida.

Nicandro Ares / Lugo

De novo tiña moitos amigos no seminario e gustábame esa vida, resultoume atractiva. Meus pais a verdade é que non estaban moi de acordo pero mantiveron unha postura neutral, nin se opuxeron nin me empurraron a ser sacerdote. Teño outro irmán que está en Melide, casou e formou unha familia e supoño que iso era o que tiñan previsto para min. Pero eu preferín o seminario e eles aceptárono.

Jesús Vilar Vidal / Taboada

Ao volver a diócese mandaronme para Cervo. Levaba as cinco parroquias do concello. Recibíronme xenial e alí houbo que facer de todo como en todas, ata un Grupo Scout Esvedro. E foi un contacto tamén moi gratificante coa xente de Alcoa (Alúmina), cos mariñeiros en San Ciprián, e os traballadores de Sargadelos, pero tamén coa xente rural de Rúa e de Castelo. Sete anos, e moitas amizades e recordos.

Carlos Miranda Trevín / Cervo

Cando predicaba meu tío era terrorífico, eu facíalle de monago e pasaba o tempo subido ao campanario, mirando para os paxaros, ou lendo. Iso para min tamén era unha alegría moi grande.

Lois Diéguez Vázquez / Monforte

Antoloxía da Memoria de Lugo:El Progreso: luns, mércores e sábados.TeleLugo: martes, ás 22,00 horas. Reemisión diaria. Dirección: José de Cora. Imaxe: Memé Díaz. Ilustracións: Vinicius.

Comentarios