Friol celebrará el 17 de marzo su feria anual del queso y del pan de Ousá

O Concello de Friol fixou para o domingo 17 de marzo a data de celebración da súa feira anual de promoción do queixo local e do pan de Ousá. O goberno local asumirá un ano máis a organización dun evento que congrega milleiros de visitantes edición tras edición.

Malia a crise, a feira seguirá o mesmo esquema que en anos anteriores e, segundo resaltaron dende o goberno que preside Antonio Muiña, priorizarase a calidade e a presentación dos queixos, prescindido de novo de gastos en actos protocolarios.

Así, nesta vixésima primeira edición tampouco haberá pregón, a diferenza do que adoita suceder no resto de feiras gastronómicas, nin comida institucional, que si se celebraba os primeiros anos. Os actos institucionais limitaranse ao tradicional corte de cinta para inaugurar o evento.

En días pasados, o alcalde remitiu unha carta ás queixeiras de Ousá animándoas a traer o máximo número de queixos para contribuír a potenciar unha feira que dende hai tempo agota as súas existencias polo seu gran tirón.

No escrito, o rexedor tamén lles pediu ás produtoras que fixen prezos razoables e anunciou, nese senso, que cada queixeira que leve 20 ou máis pezas recibirá unha axuda de doce euros.

Ademais, pregoulles que lle comuniquen ao pedáneo da súa parroquia antes do 4 de marzo cantos queixos pensan levar para que o Concello poida organizar o espazo dispoñible. Muiña fixo esa misma petición aos panadeiros, a quen convidou a homoxeneizar produción e prezos na feira.

Comentarios