Un grande amigo dos seus amigos, moi leal

Francisco Monasterio: "Vilalba perdooume e permitiume todo sen ser de aquí, e quérolle ben"

Son un cu inquieto. Portugués de arriba, porque nacín en Guillarei, en Tui, pero síntome vilalbés. Vin con 13 anos, cando se trasladaron os meus pais por traballo, e xa non me vou ir nunca. Fun 25 anos director dunha oficina bancaria e dende hai nove son autónomo nunha empresa de servizos e presidente da Asociación de Criadores da Galiña de Mos
Francisco Monasterio
photo_camera Francisco Monasterio

"Menos no Rácing estiven metido en todo en Vilalba", di Francisco Monasterio. Formou parte de infinitos colectivos e entidades, pero agora está centrado só nun: "Hoxe galiña de Mos e punto. Aínda que non se pode dicir desta auga non beberei", matiza.

Avimós suma 400 socios e unha década. Que conseguiu?

A recuperación da raza, que pasou de ser residual a estar por toda Galicia; un Rega (rexistro) de avicultura artesá e que os criadores poidan ter un centro de embalaxe de ovos para vendelos a todo o mundo.

Cales son os retos que quedan?

Que se involucre máis xente e que se poida vivir da cría e da venda de pitos e de ovos de Mos, que forman parte da economía familiar de moitos. Co tema dos matadoiros particulares estamos en xa. É unha revolución para o sector. Se teño que ir ao matadoiro por un par de animais non me renta. E así o produto poderá saír das casas a todo o mercado galego sen problema. Estamos á espera da Administración central.

Non ve relevos?

Si, e no momento en que teña os obxectivos fixados ten que vir xente detrás.

Colaboran na feira de San Xiao de Mos, en Silleda, Lugo... Para cando unha en Vilalba?

(Ri) Non sei. Ninguén é profeta na terra. En todo ao que nos chaman imos, pero Vilalba é unha praza difícil para min, aínda que estivemos no queixo e no capón.

Estreáronse no capón hai dous anos. Houbo discrepancias?

Si. Empezamos cando se comezou a impulsar o da IXP que recoñece a raza de Mos, pero somos máis pequenos -o capón de Mos pesa catro quilos fronte aos sete do habitual- e non a todo o mundo lle gusta que esteamos na feira.

Sempre foi de minorías?

Non, pero o que pasa é que politicamente estiven dende ben cativo na oposición de Vilalba. Empecei en UCD, estiven a punto de ser parlamentario autonómico, pero truncouse. E moitos anos despois entrei no PSOE. Pero separo completamente a vida privada. Cando me presento como presidente de Avimós represento a todo o mundo. As siglas quedan na casa.

Non só en política. É difícil vivir no deporte fóra do fútbol?

Bastante. Xunto a Fortunato Quintela promovimos as escolas deportivas municipais antes de que as asumise o Concello. Fun adestrador nacional, con tres equipos en ligas provinciais e levando os cativos no meu propio coche. E deixáronnos fóra. Despois liáronnos para montar o CB Vilalba e aí fun presidente, adestrador... con máis de 120 cativos en categorías inferiores, escolas en Abadín, Xermade, no Insua Bermúdez ou no Monseivane.

Por que o deixou?

Por desprezo. O Concello de Vilalba olvídase de nós e deixa de darnos subvención. Agora hai equipo pero estou totalmente desvinculado.

Os seus fillos elixiron a loita. Faltan tamén apoios?

Si. Vilalba a nivel nacional é un referente en loita. Debe ser o concello de España que máis campións ten. E non hai recoñecemento.

Estivo na Anpa, na asociación de veciños de Mourence, no coto Terra Chá, na reserva de caza dos Ancares, no Leader Plus, no Centro Cultural e Recreativo, no baloncesto, no tenis de mesa, foi ramista... Sinte que o seu traballo foi valorado?

Non me importa que me valoren, fas as cousas porque che gustan. O que me importa é o olvido.

Dixéronlle moitas veces que non ten estética de banqueiro?

Fun un pouco atípico, distinto, fóra dos cánones. Era director dunha oficina bancaria con 22 anos. E sempre fun dunha maneira de ser e de vestir un pouco peculiar -e recorda épocas de garavata e outras de zocas, vaqueiros ou pantalón curto para traballar-. Sempre o digo, Vilalba perdooume e permitiume todo para non ser de aquí. Eu quérolle ben.

Moléstalle que se xeralice e que metan a todos no mesmo saco?

Estou desconectado. Non me tocou a etapa da mala fama da banca. A miña clientela eran amigos. Levo case dez anos fóra e deixeino por mutuo acordo.

Por que cortaría a perilla?

Tívena sempre e a barba así longa levará oito anos. Pero tal e como a teño podo cortala en calquera momento. O outro día xa o pensei.

Din que é bo cociñeiro. Un prato?

Son cocinillas e gústame cociñar para os amigos. O prato que comemos en tódalas xiras é o pito de Mos á cervexa, receita da avoa.

Coa perspectiva, cambiaría algo?

Nada, o que está feito, está. Son satisfaccións que levas. Hai que aprendelo, e levalas tamén.

É revolucionario?

Rebelde, un tío moi de centro, como moitos galegos, que quere vivir o mellor posible e botar unha man. A vida é fácil e sinxela e facémola moi difícil.

Comentarios