Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Francisco López: "Vou vender todo e deixar a produción"

López, nunha das plantacións de pataca que tiña en Crecente
López, nunha das plantacións de pataca que tiña en Crecente
Este empresario pastoricense, de Casa Ánxel de Crecente, que recollía 80.000 quilos ao ano, recoñece que a prohibición caeu como unha lousa, pero seguirá adiante con outras plantacións

Francisco López comezou hai cinco anos a producir pataca ecolóxica na parroquia pastoricense de Crecente, hoxe zona infestada pola presenza da couza guatemalteca. A prohibición de plantar nos seus terreos e vender a súa produción caeu como unha lousa na súa empresa, que deberá asumir unhas perdas incalculables.

«Foi un golpe moi duro. Pensar nos investimentos que fixemos, o tempo que nos custou conseguir os clientes, aos que xa lles tivemos que comunicar que non hai pataca, os cartos que gastamos en maquinaria, en acondicionar as naves e preparar a terra...», vai enumerando Francisco, que xa tomou a determinación de «vendelo todo e deixar de producir pataca, xa que a prohibición é por dous anos, e despois teriamos que empezar case de cero».

Coa súa firma de produción ecolóxica, Casa Ánxel, botaba ao redor de seis hectáreas de semente, o que se traducía nuns 80.000 quilos de patacas ao ano. «Estamos falando dunhas perdas de preto de 80.000 euros», confirma López, que cre que as medidas tomadas non van solucionar o problema.

«Agora pechan aquí e logo aparecerá en Castro de Rei ou en Pol. O que hai que facer é aprender a convivir con esta especie como se fixo antes con outras que tamén afectaban ás plantacións», indica o produtor, que descarta en todo caso volver coas patacas aínda que ten fincas noutros concellos que non están infestados pola couza.

«De que me serve plantar noutros municipios se non teño a posibilidade de levar as patacas ás naves que teño en Crecente. Tampouco me valerían as máquinas de envasado que me custaron miles de euros. Non hai ningún sistema alternativo que nos poida axudar con esta problemática, xa que estamos falando de máis de dous anos de parón. O noso non é viable, así que toca coller outro camiño», confirma o pastoricense, que continuará loitando na súa firma pola produción doutras plantacións coma os tomates ou os calabacíns.

Aínda que na Pastoriza a xente acostuma a plantar a mediados do mes de marzo, Francisco López xa non se arriscou a sementar. «Xa estaban os rumores, así que decidimos non seguir adiante nin arriscar máis de 6.000 euros na plantación», conclúe un produtor ao que a couza xa lle cambiou a vida.

Francisco López: "Vou vender todo e deixar a produción"
Comentarios